HomeCulturaArte colaborativa en Triacastela co proxecto "Trazas Vivas: Arte, Comunidade e Camiño"

Arte colaborativa en Triacastela co proxecto “Trazas Vivas: Arte, Comunidade e Camiño”

A Casa de Eirexavella converteuse na primeira fin de semana deste mes no escenario do proxecto de arte colaborativa "O Banquete dos Paxaros", unha iniciativa impulsada pola Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) dentro do proxecto "Trazas Vivas: Arte, Comunidade e Camiño", con dirección artística de Cecilia Pereira.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Ao longo das dúas primeiras xornadas, veciñanza, peregrinos e visitantes participaron en encontros comunitarios interxeracionais e obradoiros creativos arredor da proposta da profesora, investigadora e artista plástica Silvia García (Cangas, 1973), que convida a reflexionar sobre os vínculos entre comunidade, paisaxe e patrimonio cultural a través de procesos creativos compartidos. A programación remataba este luns cunha xornada de portas abertas.

O sábado, 1 de agosto, púxose en funcionamento o forno da Casa de Eirexavella. Un dos veciños de Triacastela foi o encargado de roxar o forno para crear as condicións necesarias que permitisen desenvolver unha actividade de creación colectiva na que as persoas participantes elaboraron letras de pan, que posteriormente foron cocidas no propio forno. Tratouse dun momento especialmente emotivo, xa que o forno volvía empregarse despois de case 70 anos sen uso.

A actividade reuniu persoas de distintas xeracións, que aproveitaron a ocasión para compartir numerosas lembranzas e anécdotas relacionadas co lugar e co uso comunitario dos fornos antigamente.

O domingo, 2 de agosto, pola tarde celebrouse un obradoiro de la e feltrado no que participaron principalmente veciñas maiores do municipio, xunto con algúns peregrinos aloxados nos albergues da vila. A proposta destacou polo seu carácter aberto e inclusivo, convidando tamén á participación das familias con nenos e nenas.

As veciñas acudiron cos seus antigos fusos e rocas, peites para cardar a la, nobelos, calcetíns e diferentes pezas elaboradas por elas na súa mocidade. A xornada converteuse nun emotivo espazo de intercambio e transmisión de saberes entre as mulleres maiores e as persoas máis novas participantes.

A alcaldesa de Triacastela e presidenta da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, Olga Iglesias, destaca a importancia deste tipo de iniciativas “porque favorecen a participación da veciñanza e contribúen a poñer en valor o patrimonio, os espazos e as tradicións vinculadas ao noso territorio e ao Camiño de Santiago”.

Trazas Vivas, un proxecto cultural con impacto social

“Trazas Vivas: Arte, Comunidade e Camiño” é unha iniciativa que aposta por impulsar procesos culturais participativos nos territorios vinculados ao Camiño de Santiago, favorecendo a implicación da poboación local e a creación de experiencias creativas compartidas.

O proxecto conta cunha axuda concedida no marco da convocatoria “Axudas destinadas a proxectos culturais con especial impacto social” do Ministerio de Cultura, á que se suma unha achega propia da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS).

Con vocación de continuidade, Trazas Vivas aspira a deixar como legado non só intervencións artísticas na paisaxe, senón tamén redes de colaboración, aprendizaxes compartidas, capacidades locais e imaxinarios colectivos que contribúan a reforzar o futuro cultural do Camiño de Santiago desde o coidado, a participación e o traballo conxunto entre a comunidade e a creación artística.

Trazas Vivas / Concello de Triacastela

ÚLTIMAS

O queixo ‘Savel’ de Airas Moniz, premiado a nivel estatal

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de publicar no Boletín oficial del...

Ferreira de Pantón celebra as Festas Patronais do 22 ao 24 de agosto

O Concello de Pantón presenta o programa das Festas Patronais de Ferreira de Pantón...

Artesanía de Galicia no Courel ata o 9 de agosto

Durante a súa visita, destacaron que esta iniciativa contribúe a achegarlle á sociedade o...

A directora xeral de Xuventude visita o campamento Adventure Camp no Centro Peares de Inmersión Lingüística, en Carballedo

Lara Meneses coñeceu a primeira quenda das tres coas que conta esta iniciativa que...