HomeCulturaPreséntase a XII edición do festival 'As Cores do Outono' na Pobra...

Preséntase a XII edición do festival ‘As Cores do Outono’ na Pobra do Brollón

A edición máis madrugadora deste senlleiro evento de música folk e tradicional celebrarase os días 11 e 12 de setembro. No cartel deste ano están os grupos Balteira, Ialma e Galega de Bailables.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Conta atrás para unha nova edición do festival de música folk de referencia no sur de Lugo, As Cores do Outono. O evento está organizado polo Concello da Pobra do Brollón e conta co apoio da área de cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

A presentación oficial para medios do cartel e da programación desta XII edición tivo lugar na área recreativa de Samugueiros, lugar onde se realiza cada ano o devandito festival. No acto estiveron o alcalde Xosé Lois Maceda e os concelleiros Marián Martínez e Agapito Rodríguez, xuntos á deputada de Cultura Iria Castro.

No que respecta á programación revelaron os grupos participantes para a noite do sábado 12 de setembro: Balteira, Ialma e Galega de Bailables, e lembraron que o venres está programado un espectáculo para todos os públicos a cargo da xograresa Alba de Vales. 

A concelleira de cultura, Marián Martínez, comentaba que “un ano máis apostamos pola nosa música de raíz con propostas que beben da tradición oral galega”, e engadía, “son tres concertos de moi alta calidade musical que han de encher de baile Samugueiros”. 

A deputada Iria Castro tamén salientou que “As Cores do Outono o apoio ao talento de alto nivel mediante a programación cultural e o compromiso por achegar ao público novas propostas de música tradicional galega”.  

Os concertos do festival ‘As Cores de Outono’ comezarán a partir das 21:00 h do sábado a carón do río Saa, na coñecida área recreativa Samugueiros, e dende as 20:00 h haberá postos de artesanía e de comida.

GRUPOS PARTICIPANTES

A formación que abrirá os concertos do sábado, Balteira, une a catro grandes mestres de música tradicional nun proxecto que recupera o repertorio oral galego, incorporando arranxos contemporáneos pero respectando a estrutura e a emoción das pezas tradicionais. Os cantares que sempre animaron a festa e as melodías para o baile, son o eixo sobre o que xiran os seus concertos, mantendo o espírito da foliada desde a calidade técnica e interpretativa mediante voces, percusións, acordeón e ventos.

O segundo grupo a actuar en As Cores do Outono será Ialma, tamén cuarteto, formado por pandereteiras e cantareiras galego-belgas. Con motivo da celebración de 25 anos de carreira, que incluíron sete discos e concertos por todo o mundo, Ialma traerá o seu espectáculo Homenaxe. Trátase dun concerto emocionante e festivo que honra as raíces galegas, a memoria e a resistencia, impulsado pola enerxía multicultural de Bruxelas. 

As propostas musicais rematan ao grande con Galega de Bailables, unha formación de sete virtuosos, a maioría deles con raíces na Pobra do Brollón. A base de voces, percusión, ventos e zanfona, darán un concerto cheo de enerxía con muiñeiras, xotas e outros ritmos pensados para poñer a todo Samugueiros en pé.

ESPECTÁCULO TEATRAL PARA A VÉSPERA DOS CONCERTOS

O programa desta duodécima edición de As Cores do Outono complétase cun espectáculo o venres 11 ás 20:30 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. A actriz e xograresa ourensá Alba de Vales, nome artístico de Alba Grande, levará á Pobra do Brollón unha proposta para todos os públicos, Unha xograría de aldea. O espectáculo combina teatro e música ao tempo que indaga nas memorias aldeás e historias inspiradas nos romances de cego e contos e cantigas tradicionais.

ÚLTIMAS

En outubro aumentou en 110 o número de parados no centro-sur da provincia

Paro comarca de Sarria no mes de outubro 751 (+35): O Incio 32 (-1) Láncara 73...

O BNG de Monforte reclama transparencia no proceso selectivo da Policía Local

Os nacionalistas aseguran que as informacións publicadas sobre os resultados da primeira proba, na...

“Os dous de sempre”, do dúo Mofa & Befa, este 5 de novembro no Multiusos de Monforte

A función enmárcase na programación cultural impulsada polo Concello de Monforte a través da...

Magosto-pancetada e teatro para a fin de semana en Pantón

Despois de celebrar con grande éxito o Samaín a pasada semana, o vindeiro sábado,...