HomeCulturaHistorias de vida e toponimia na 'Conversa de verán' de Ribas de...

Historias de vida e toponimia na ‘Conversa de verán’ de Ribas de Sil que pechaba o ciclo

Tivo lugar o pasado 11 de setembro no exterior da Aula de Pesca da Praia Fluvial de San Clodio e o protagonista foi o mestre e historiador local Manuel Cao.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A resposta do público participante nesta derradeira ‘Conversa de verán’ de 2026 organizada polo Concello de Ribas de Sil volveu ser moi positiva, cunha importante asistencia e presenza de persoas de diferentes xeracións. “Os maiores puideron lembrar episodios e costumes que coñeceron directamente, mentres persoas máis novas, incluídos algúns adolescentes, escoitaron por primeira vez historias que tamén forman parte das súas raíces”, comenta Luis Fernández, concelleiro de Cultura.

O protagonista volveu ser o mestre e historiador local Manuel Cao, relator de tres das Conversas de Verán deste ciclo: unha en xullo, outra en agosto e esta última en setembro. Tres encontros diferentes, pero unidos por un mesmo propósito: recuperar e transmitir aspectos da historia e da memoria de Ribas de Sil.

O TERRITORIO FALA: HISTORIAS DOS NOMES DOS LUGARES

A terceira intervención de Manuel Cao, o pasado 11 de setembro, serviu para pechar o ciclo falando dos nomes dos lugares de Ribas de Sil e do Xeoparque Montañas do Courel. O interese de Cao pola toponimia naceu precisamente da súa actividade como Mestre e director do CEIP de san Clodio. Hai anos propuxo ao seu alumnado que preguntase ás súas familias e aos veciños polos nomes tradicionais dos lugares e el mesmo continuou investigando ata conseguiu reunir máis de 300 topónimos.

Durante a conversa apareceron nomes de aldeas, parroquias, leiras, regatos e pequenos lugares. Falouse, por exemplo, do Ladrillo, relacionado cunha antiga fábrica de adobe dos anos vinte do século pasado; do Bao, asociado a un lugar que permitía atravesar o río; ou da Toca, cuxo nome podería estar relacionado co oco deixado por antigas actividades mineiras. Outros nomes, como Pena da Mula, poden entenderse observando directamente a forma da paisaxe. A conversa saíu tamén dos límites municipais para lembrar topónimos do territorio do Xeoparque, como Fluxento, Nocedo, O Nabín, Carballo de Lor ou Santa Cubicia.

Como Manuel Cao explicou recentemente nunha entrevista en La Voz de Galicia, estímase que en Ribas de Sil poden existir arredor de 3.000 nomes tradicionais de lugares. Moitos non figuran aínda nos mapas nin foron rexistrados, polo que destacou a importancia de preguntar ás persoas maiores e conservar esa información. Iniciativas como Galicia Nomeada permiten, ademais, que a propia cidadanía contribúa á recuperación dos nomes de leiras, montes, camiños, fontes, regatos e outros pequenos lugares.

A toponimia apareceu así non só como unha cuestión lingüística, senón como unha maneira de ler a paisaxe e conservar unha parte da memoria colectiva que corre o risco de desaparecer.

ÉXITO DUN FORMATO QUE PENSA XA NO 2027

Con esta última cita de Cao péchase o segundo ano das Conversas de Verán de Ribas de Sil. En palabras de Luis Fernández, concelleiro de Cultura de Ribas de Sil, “un formato pequeno e próximo que volveu demostrar que non son necesarios grandes escenarios para facer cultura: ás veces abondan unhas cadeiras, persoas dispostas a contar e outras con ganas de escoitar”.

Dende o Concello de Ribas de Sil agradecen especialmente a Manuel Cao, Concepción Rodríguez e Roberto Vila a “xenerosidade de dedicar o seu tempo a compartir coñecementos, lembranzas e experiencias persoais coa veciñanza nas sesións que se desenvolveron este verán”. Un agradecemento que trasladan tamén a todas as persoas que participaron nas conversas, preguntando, lembrando, achegando información ou simplemente escoitando. “A boa acollida e o interese amosado ao longo do verán son tamén unha invitación a comezar a pensar xa nas Conversas de Verán de 2027”, comenta Luis ao tempo que sentencia “porque conservar a memoria dun territorio require coñecela, pero, sobre todo, contala, escoitala e compartila entre xeracións”.

“A boa acollida e o interese amosado ao longo do verán son tamén unha invitación a comezar a pensar xa nas Conversas de Verán de 2027”

Conversa de verán con Manuel Cao (2026). Foto: Concello de Ribas de Sil.

ÚLTIMAS

O Concello de Monforte concede preto de 78.000 euros a entidades deportivas, culturais, sociais, lúdicas e formativas

O Concello de Monforte vén de informar da concesión de axudas dirixidas a diversas...

Respira, II Xornadas de Benestar do 8 ao 10 de outubro no Ateneo Casino de Monforte

O Ateneo Casino acollerá do 8 ao 10 de outubro un encontro que convida...

6 compañías do sur da provincia no Circuíto de Teatro Afeccionado que ten en marcha a Vicepresidencia da Deputación

A Vicepresidencia da Deputación ten en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro...

Cortes de tráfico este 6 de outubro na Avda de Galicia de Monforte por obras de asfaltado

Esta actuación forma parte da mellora da Avenida de Galicia e a rúa Chantada...