HomeEn profundidade"Falamos de cousas que poden volver pasar", Rocío, de Rebuldeira Teatro sobre...

“Falamos de cousas que poden volver pasar”, Rocío, de Rebuldeira Teatro sobre a obra ‘Vermello, unha historia da Guerra Civil’

A peza teatral representarase este sábado 14 de novembro ás 20.00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte. Falamos con Rocío, unha das compoñentes da compañía.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A compañía Rebuldeira Teatro, de Sarria, chega a Monforte por primeira vez na súa historia. Naceu no 2011 como Escola de Teatro e pouco tempo despois constituiuse como Asociación Cultural. En calquera caso, xa chama a atención que en 15 anos aínda non tiveran representado ningunha obra na cidade do Cabe. A este respecto, Rocío Magalí, unha das compoñentes do grupo, di que “nunca xurdiu a posibilidade e tiñamos moitas ganas de ir a Monforte”. Ao fin chegou a ocasión da man da Asociación de Teatro Viraventos quen escolleu a obra “Vermello, unha historia da guerra civil” dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado que promove a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para levala a Monforte.

Esta función proposta pola entidade asociativa monfortina está programada para este sábado 14 de novembro ás 20.00 h no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro e enmárcase na programación cultural que ofrece o Concello de Monforte á veciñanza cunha ampla variedade de propostas escénicas ao longo deste último trimestre do ano.

A OBRA: “VERMELLO, UNHA HISTORIA DA GUERRA CIVIL”

Trátase dunha creación escénica que mergulla ao público nun diálogo entre memoria, identidade e resistencia. Combina humor e dor, risa e morte, lamento e ledicia. Constrúe un espazo onde a emoción se volve ferramenta de lembranza e reivindicación.

As personaxes históricas e anónimas conviven cun universo ficcional propio de Rebuldeira Teatro, que converte o escenario nun lugar onde o pasado continúa latexando para berrar unha historia que non quere ser esquecida.

A estrea insírese nun ano de lembranzas colectivas: o centenario da primeira emisión de radio en España (1924) e o 50 aniversario da morte de Franco (1975). Neste contexto, a obra convértese nunha homenaxe ás voces silenciadas e a todas aquelas vidas marcadas pola represión e pola falta de liberdade.

A estrea foi na Casa da Cultura de Sarria o 28 de setembro de 2025, formando parte da IV Mostra de Teatro Iván Tourón Morais que organiza o propio grupo Rebuldeira Teatro. Dende esta data incorporouse ao Circuíto Galego de Teatro Amador 2025, organizado pola Federación Galega de Teatro Amador (FETEAGAL), pasando por concellos como Lugo, Vigo, Pontedeume, Melide, Barreiros, Bóveda, Taboada, etc. Ademais, neste 2026 forma parte tamén do Circuíto de Teatro Afeccionado que impulsa a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

En setembro deste 2026 a obra recibiu o recoñecemento ao Mellor Guión Orixinal nos I Premios FETEAGAL “Manuel Lourenzo” do Teatro Amador Galego. Un guión de autoría compartida entre Rubén Pérez, director, e o propio grupo de Rebuldeira Teatro que no seu momento manifestaron nas redes sociais “Este premio significa moito para nós. Detrás de Vermello hai horas de traballo, ensaios, ideas, aprendizaxes e moita ilusión. Pero, sobre todo, hai un equipo de persoas que creu neste proxecto e que o fixo medrar función tras función”.

Rubén Pérez co premio ao Mellor Guión Orixinal nos I Premios FETEAGAL “Manuel Lourenzo” do Teatro Amador Galego. Foto: Facebook Rebuldeira Teatro.
REPERCUSIÓN

Falando con Rocío Magalí Peccatiello sobre o percorrido da obra dinos que está xa moi traballada, pois dende a presentación en setembro de 2025 ata o momento actual teñen feito xa moitas representacións por toda a xeografía galega, aínda que maioritariamente na provincia de Lugo. “Está tendo moi boa acollida e sorprende que no momento que vivimos é unha obra moi actual. Falamos de cousas que poden volver pasar”, refire Rocío.

Como curiosidades quedámonos con dúas; unha referida ao mono gris do elenco actoral participante, que é unha chiscadela ao grupo de teatro La Barraca dirixido por Federico García Lorca. “É un detalle co que se queda só algunha xente, a máis entendida no panorama teatral”, di a nosa interlocutora. E a outra que, seica moita xente que foi ver a obra ultimamente dilles que ten moitas cousas semellantes á coñecida e exitosa película “La bola negra”.

SINOPSE

A cantidade de cor vermella que podemos ver nunha guerra marca o futuro das seguintes xeracións. O tempo, ás veces, é cíclico e todo o malo pode voltar. Temos medo. As vidas de Manuel Díaz, o médico dos pobres, Rafael de Vega, Franco, e a xente coma nós, que non podía expresar libremente o seu amor por medo a ser perseguido, mestúrase coa historia ficcional de Rebuldeira Teatro na Guerra Civil.

Somos actrices que representamos unha guerra vermella e queremos berrar a todo o mundo a nosa historia.

Unha peza que abrangue a risa e a morte, o lamento e a ledicia, na que a nosa dramaturga dirixirá o espectáculo dende as táboas. Que comece a función!

Artigo anterior sobre Rebuldeira Teatro no Xornal de Lemos.

ÚLTIMAS

Interesante obradoiro sobre fiscalidade para emprendedores rurais

O vindeiro martes 1 de decembro a Fundación Acción Contra a Fame organiza un...

O filme documental “O Son da Serra” comeza este 14 de novembro en Taboada as proxeccións pola provincia

“O día 14 de xullo de 2022 comezaba a arder a serra do Courel...

A loita contra a desinformación chega a Chantada este 14 de novembro

Este xoves, 12 de novembro, a alfabetización mediática do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia...

‘Saborea e Canta o Outono’ na Praza de Abastos de Monforte

A delegación da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo...