O calendario ábrese cunha proposta especial que vincula a creación audiovisual coa gastronomía, seguida dunha fin de semana de proxeccións, coloquios con directores e conferencias sobre patrimonio cultural. A xornada inaugural do xoves 19 de novembro en Monforte dará comezo coa proxección da curtametraxe Cães que ladram aos pássaros, da cineasta Leonor Teles, unha obra centrada na transformación urbana e na xentrificación da cidade do Porto. Trala proxección, celebrarase unha degustación de gastronomía atlántica composta por catro viños e catro petiscos deseñados para conectar os sabores do Porto e de Galicia. Para participar nesta actividade é imprescindible realizar reserva previa; a experiencia ten un prezo de 20 euros por persoa e os contactos pódense facer no teléfono +34 661 434 336
A programación continuará o venres 20 ás 18:00 horas no Casino Ateneo de Monforte coa proxección de Despois das cidades, unha actividade que contará coa presenza do propio director, Xacio Baño, quen participará nunha conversa aberta co público asistente ao remate do filme. Trátase dun ensaio cinematográfico protagonizado por un home que colecciona cidades e busca respostas en postais dos lugares que visita mentres viaxa por Italia e España, ata chegar a Santiago de Compostela.
Ao día seguinte, o sábado 21 ás 20:00 h, a Casa da Cultura Olga Novo da Pobra do Brollón acollerá a proxección da película Banzo, dirixida por Margarida Cardoso. Este drama histórico, que aborda o pasado colonial de Portugal na illa de São Tomé e Príncipe, vén avalado pola consecución de 10 Premios Sophia da Academia Portuguesa de Cinema, entre eles os de Mellor Película e Mellor Dirección.
O peche deste pase de outono celebrarase o domingo 22 na Casa da Cultura de Ferreira de Pantón ás 18:00 horas. A sesión incluirá a proxección do documental O Diabo do Entrudo, dirixido por Diogo Varela Silva e centrado nas traducións e máscaras do entroido tradicional de Lazarim. Tralo filme, desenvolverase unha conferencia dedicada ás tradicións compartidas entre o entroido galego e o portugués, na que participarán o antropólogo Rafael Quintía Pereira e representantes locais dos entroidos recuperados no concello de Pantón.
O Vendaval reivindica así a posibilidade de ofrecer no rural propostas culturais diferentes, accesibles e de calidade, aproveitando os espazos e recursos propios da Ribeira Sacra e xerando novas relacións entre o cinema e o territorio.

