InicioDeportes“Soñaba dende pequeno con correr o Dakar, pero víao como algo imposible”,...

“Soñaba dende pequeno con correr o Dakar, pero víao como algo imposible”, Eduardo Iglesias

Despois de moitos anos coa idea na cabeza, e tras varias competicións e tomas de contacto co deserto, este monfortino será o único piloto de moto galego na liña de saída dunha das competicións de rally máis prestixiosa do mundo en xaneiro de 2020. O vindeiro 9 de novembro, Eduardo Iglesias fará unha presentación en Monforte, pero antes comentamos con el detalles desta aventura na que se vai embarcar.

Publicado o

- Advertisement -

Eduardo Iglesias é un monfortino, afeccionado dende pequeno ás motos e sen tradición familiar detrás que xustifique esta paixón. Confesa que dende moi novo sentiu atracción polo Rally Dakar, daquela Rally París-Dakar, competición considerada como un dos rallyes máis duros e famoso do mundo.

O soño deste rapaz está máis preto de facerse realidade, a conta atrás xa comezou e en pouco máis de dous meses que lle quedan por diante estará na liña de saída da competición, concretamente o 5 de xaneiro de 2020. O camiño para chegar a este punto non foi doado, tanto no deportivo como no económico, e estes meses ultima a preparación e o tema de patrocinios para poder financiar esta aventura. Falamos con Edu Iglesias.

Dende cando a afección polas motos?

Dende pequeno, dende os 12 anos quizais. Con 14 anos tiven a miña primeira moto, unha Derbi Variant, e gustábanme moito as motos de monte. Lembro tamén que empezaba a ver competicións na televisión e xa me chamaba a atención o Dakar, soñaba con correr o Dakar, pero víao como algo imposible.

Cando empezaches a competir e en que competicións?

Aos 18 anos empecei a competir oficialmente en campionatos profesionais. No ano 2000 fun campión galego de Resistencia Enduro Junior e no 2005 acadei o terceiro posto no Campionato de España desta mesma categoría. A nivel internacional participei no 2009 na Six Dys de Enduro en Portugal e en 2010 no Campionato de Europa en Oliveira do Hospital.

E o gran soño, participar no Dakar, como se foi fraguando?

A idea está na cabeza dende novo como che dixen, pero no proxecto serio para formar parte da competición levo uns dous anos. Primeiro fixen unha viaxe en plan turístico para coñecer o deserto e despois volvín para tomar xa contacto directo coas dunas e poñerme a proba correndo.

Como se prepara un para unha competición deste nivel?

O 2017 e o 2018 participei en Marrocos na Xtreme Raid, desafío extremo no deserto con máis de 3.500 quilómetros de navegación e dividido en 8 etapas. Esta proba está case á altura do Dakar e foi para min unha gran experiencia e un gran adestramento. Tamén participei no Rally de Merzouga, tamén en Marrocos, unha proba que pertence ás coñecidas como “Dakar Series” que permiten o acceso aos pilotos “amateur” que queiran participar no Rally Dakar. Participei co Club Aventura Tuareg de La Rioja e quedei de 52 entre 97 participantes.

Edu Iglesias tras a participación no Rally de Merzouga. Foto cedida E.I.

Como foi o paso definitivo para entrar, para poder inscribirse e formar parte do Dakar?

Xa puiden entrar no Dakar deste ano 2019 porque tiña adestramento e tiña unha clasificación no “Dakar Series” que mo permitía pero vin que era moi xusto. Entón decidín esperar para inscribirme e participar no do 2020. En abril deste ano tiven unha preparación, fixen a inscrición en maio e deume o ‘ok’ a organización en xullo. A finais deste deste mes de outubro terei 9 días máis de adestramento no deserto e listo xa para a saída (risas).

Como levas a “carreira do financiamento”?

Ben. Teño case pechado o tema dos patrocinadores. O principal vai ser a empresa de Sarria Galimplant e en Monforte tamén estou conseguindo apoios importantes, algúns deles que non me esperaba.

Canto custa a inscrición e que presuposto se manexa para afrontar a competición?

De saída hai que pagar xa 16.200 euros de inscrición, ao que lle hai que sumar outros conceptos relacionados coa moto, asistencia, recambios, licencias, equipacións, etc chegando a un total que supera os 75.000.

Seica es o único participante en motos galego do Dakar 2020?

En coches hai participación galega, que tamén forman parte comigo no “Equipo Galimplant Dakar 2020”, son os irmáns Pedro e Marcos Burgo, pero en motos son o único.

Equipo Galimplant Dakar 2020. Foto: Marcos Anibal
Edu Iglesias coa súa moto. Foto: E.I.

O vindeiro día 9 de novembro tes un acto en Monforte. Cóntanos.

Organizo un evento, “Rumbo ao Dakar 2020”, no que quero presentar aos patrocinadores e realizar algunhas actividades nas instalacións do Restaurante Don Manuel. Ás 20:30 h. haberá unha charla coloquio coa presenza do copiloto Diego Vallejo, Fran Pallas e o piloto Pedro Burgo. A continuación presentaremos a moto e haberá sorteos entre os que queiran colaborar na miña aventura. Ao remate teremos unha cea.

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Primeira xuntanza sobre “Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes”, o 24 de abril ás 16:30 no auditorio de Escairón

A actividade enmárcase no proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...