A Carreira Popular de Monforte estase consolidando, e os datos de participación así o acreditan, con 1.158 atletas que participaron este ano na súa duodécima edición.
O Alcalde, José Tomé Roca, amosou a súa satisfacción tralo remate competición popular e dixo que “esta cita deportiva resultou todo un éxito, tanto polo número de inscritos como polo gran ambiente de público, encheu a zona de saída e meta, na Compañía. O bo tempo tamén contribuíu a que a cita se celebrara sen contratempos”.
Aínda que estamos a saír da pandemia, todo indica que o interese pola proba monfortina segue medrando ano tras ano e consolídase xa como unha cita no calendario para este tipo de eventos deportivos.
Neste senso, o Alcalde subliñou tamén que “seguimos recuperando eventos importantes dentro do noso calendario anual de actividades nunha volta á vida normal. É unha gran satisfacción que esta cita atlética resultara todo un éxito, tras dous anos de ausencia por mor da Covid”.
Na entrega de premios posterior a todas as probas disputadas, o Alcalde estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, o voceiro municipal do BNG Emilio Sánchez, e as concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Muller e Igualdade, Margarita López, e Consumo, Regina López.
Como quizais era de esperar, cómpre salientar os bos resultados acadados polas atletas e os atletas que representaban ao Club de Atletismo da Gándara –Monforte– con 18 trofeos acadados e os tres primeiros homes locais clasificados de Monforte na categoría absoluta –Manuel Besteiro, Tomás Díaz e Gabriel Losada–. Especial mención ao atleta Manuel Besteiro, primeiro local na absoluta e terceiro na senior masculino.



RESULTADOS
En categoría masculina absoluta, o gañador foi o ourensán Alejandro Fernández e na absoluta feminina, resultou gañadora a deportista monfortina María Cedrón.
Toda a información sobre a carreira pódese consultar en https://monforte10k.com e na web do Concello de Monforte.