Taboada protagonista da segunda etapa da Volta a Galicia o 16 de setembro

As comarcas de Chantada, A Ulloa, Lemos e Sarria acollerán o vindeiro venres, 16 de setembro, a segunda etapa da XX Volta a Galicia, co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Volta a Galicia, presentación en Taboada / Vicepresidencia Deputación

O deputado de Deportes, Efrén Castro, acompañado por representantes da Federación Galega de Ciclismo, representantes municipais, membros do club ciclista Túzaros BTT Taboada e da Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada, presentou a proba na Praza de Riazón de Taboada, onde se situará a saída e meta do percorrido.

O trazado deseñado para esta segunda etapa da Volta a Galicia conta con 163,3 quilómetros e percorrerá estradas dos concellos de Taboada, Monterroso, Portomarín, Paradela, Sarria, O Incio, Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao e Chantada.

A proba iniciarase ás 12.00 horas cunha volta neutralizada polo núcleo de Taboada.O percorrido conta con dous portos de terceira categoría, no Alto de Paradela e en Santa Mariña (Pantón), e un de segunda categoría, en San Pedro de Líncora (Chantada), que os ciclistas coroarán tras pasar por Belesar e que pode marcar o desenlace da etapa, a máis longa das catro da volta galega. En Sarria e Sober ubicaranse cadansúa meta volante.

Efrén Castro encadrou o apoio á proba na aposta que “desde a Vicepresidencia da Deputación facemos por consolidar o ciclismo como práctica deportiva e tamén como ferramenta para dinamizar económica e socialmente as comarcas” e explicou que “o percorrido desta segunda etapa da Volta a Galicia supón un escaparate para as comarcas do sur, que se presentan como un escenario ideal para acoller non só probas federadas senón tamén rutas de cicloturismo e adestramentos durante todo o ano”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 10.000 euros para a organización da etapa lucense da Volta a Galicia, un escaparate para ciclistas das categorías Elite e Sub 23, que preparan o salto ao ciclismo profesional. Nesta vixésima edición, con outras tres etapas en distintos puntos de Galiza, participan 18 equipos, entre eles o Eolo Kometa, que conta con algúns dos corredores máis destacados destas categorías. Entre os 10 equipos galegos que compiten na Volta destaca a presenza do Cidade de Lugo, que aglutina a participación lucense.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here