A Pobra do Brollón acollerá as dúas primeiras etapas da Volta a Galicia

A Pobra do Brollón será o punto de referencia das dúas primeiras etapas da proba que reúne os mellores ciclistas das categorías Sub-23 e Elite e que se celebrarán o 14 e o 15 de setembro.

Presentación Volta a Galicia, A Pobra do Brollón / Vicepresidencia Deputación Provincial

O vicepresidente da Deputacíon de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro e o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, acompañados por representantes da Federación Galega de Ciclismo, e da Xunta de Galicia en Lugo, presentaron a proba na área recreativa de Samugueiros.

Efrén Castro explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovamos o apoio á proba, apostando de novo polo ciclismo como plataforma para amosar a riqueza natural e patrimonial do territorio e polo impulso do tecido deportivo afeccionado e profesional ao redor desta disciplina en Galiza” e remarcou que “este ano, máis que nunca, as estradas lucenses deixarán pegada na clasificación xeral ao acoller as dúas primeiras etapas, a crono que abrirá a Volta o xoves 14 e a segunda etapa, de 148 quilómetros, que percorrerá tamén os concellos de Bóveda, O Incio, Samos e Sarria”.

Xose Lois Maceda valorou a oportunidade que a Volta a Galicia ofrece como “como escaparate para amosar A Pobra do Brollón de cara ao exterior e para seguir dinamizando a economía local en torno ao turismo” e subliñou “a importancia da colaboración institucional para que este tipo de eventos se celebren en concellos rurais”

1º Etapa.  14 de setembro.

A primeira etapa da Volta a Galicia será unha contrarreloxo individual con saída e chegada na Avenida de Galicia, no centro da Pobra do Brollón, e un percorrido de 6,7 quilómetros por vías locais na contorna da localidade. A proba comezará ás 18.00 horas.

2ª Etapa. 15 de setembro.

O trazado deseñado para a segunda etapa da Volta a Galicia, tamén con saída e chegada  na Avenida de Galicia, conta con  148 quilómetros e percorrerá estradas dos concellos de Bóveda, O Inicio e Sarria, ademais de tocar o concello de Samos. A proba iniciarase ás 12.00 horas cunha volta neutralizada pola localidade.

O percorrido conta cun porto de terceira categoría, en Oural (Sarria), un de segunda categoría, na Casela (O Incio), seguido dun descenso pronunciado e técnico, e un de primeira categoría, en Aira Padrón (Samos), o punto máis alto polo que pasarán os ciclistas nas catro etapas da Volta con 1108 metros de altura.

Nesta vixésimo primeira edición, con outras dúas etapas en distintos puntos de Galiza (A Pobra de Trives e Pontevedra) participan 112 ciclistas de 16 equipos: os galegos  -Supermercados Froiz, High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo, Vigo-Rías Baixas, Louriña – Team XE, Retelec-Ambilamp, Padronés-Cortizo, Team Oiense-Escuela Estévez e o Club Ciclista Vigués- e escuadras do resto do Estado -Eolo-Kometa, Gomur Cantabria, Nesta MMR, Finisher-Kern Pharma, Maglia Tecnosylva-Bembibre, Bicicletas Rodríguez Extremadura, Telco’m On Clima Osés e Caja Rural – Alea.

Volta ciclista A Pobra do Brollón presentación / Delegación Territorial

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here