HomeDeportesManolo González, o adestrador orixinario de Folgoso que subiu ao RCD Español...

Manolo González, o adestrador orixinario de Folgoso que subiu ao RCD Español a Primeira División

Falamos con este galego que, tras ter que deixar a carreira de futbolista con 21 anos, a vida foille abrindo portas como adestrador ata chegar ao R.C.D. Español. Colleu o primeiro equipo en marzo e devolveuno a 1ª División de LaLiga EA Sports tras unha dura e competida promoción.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

José Manuel González Álvarez, máis coñecido como Manolo González, naceu en Folgoso do Courel (1979) e aos tres anos emigrou coa súa nai a Barcelona, fixando a súa residencia no barrio da Sagrada Familia.

Os seus primeiros contactos co fútbol, conta, foron aos 8 anos xogando ata xuvenil no F.C. Martinenc. A partir de aquí xogou no San Gabriel, Gramanet B e Montañesa. Neste último equipo, alá polo 1999, foi onde tivo unha gravísima lesión (triada) que o retirou do fútbol con tan só 21 anos.

A partir dese momento, Manolo centrouse en adestrar e obtivo licencia UEFA A, superando o último nivel no ano 2014. Xa como adestrador, levou o fútbol base do Martinenc e estivo nos seguintes clubs: C.F. Badalona (2014-2018), C.D. Ebro 2018-2019), C.F. Badalona (2019-2021), Penya Deportiva (2021-2023), Espanyol B (2023-2024) e R.C.D. Espanyol dende marzo do 2024.

ADESTRADOR DO ESPANYOL E ASCENSO

Manolo González estaba no Espanyol B dende 2023 e comunicáronlle en marzo deste ano que contaban con el para coller o primeiro equipo. Preguntáronlle se estaba capacitado e non o dubidou, coñecía o club, dixo que si e para adiante. Comenta que conectou co equipo dende o primeiro día e que os xogadores portáronse sempre moi ben con el.

Manolo González estaba no Espanyol B dende 2023 e comunicáronlle en marzo deste ano que contaban con el para coller o primeiro equipo

Aínda que o equipo non deu chegado aos postos de ascenso directo chegou moi forte fisicamente ao final de liga. En palabras de Manolo, “o calendario que tivemos nos últimos 12 partidos foi moi duro e tiñamos moita presión pero o mellor momento da tempada para nós foi xusto ao final, chegamos moi ben á promoción”. A promoción estivo moi competida, pero sacouna adiante e acadaron o reto da volta a Primeira nunha derradeira eliminatoria cunha dura remontada fronte ao Oviedo na casa, en Cornellá.

Manolo González fóra do banco do RCD Espanyol. Foto cedida por MG.

Respecto da continuidade no club de cara á vindeira tempada, xa en Primeira División, Manolo dinos que ao día seguinte de acadar o ascenso xa o chamaron para comunicarlle que contaban con el. “No club portáronse xenial comigo e estou moi contento por seguir. O día 15 empezaremos a adestrar e tamén se está traballando nas fichaxes para facer bo equipo para a nova tempada”, comenta González.

FALANDO DE FÚTBOL…

Tras desexarlle éxitos co R.C.D. Espanyol de cara á nova tempada, pregúntolle con que se queda do fútbol de antes e con que do chamado ‘fútbol moderno’. Resumindo moito, e de forma clara e directa, dime que o fútbol de antes era quizais máis técnico en xeral pero agora é máis físico. “Agora é raro atopar algún xogador que non estea ben fisicamente, hai moita máis velocidade e ritmo”, comenta.

No que respecta ás tácticas, Manolo tamén é moi claro, “hoxe hai moita imitación doutros adestradores e o fútbol está máis encorsetado que antes”. Neste senso, cando lle pregunto por algún adestrador que teña como referente, ou que lle guste especialmente, dime “non son moito de imitar, básome no que aprendín eu… pero se teño que dicir algún diría Unai Emery, creo que é dos mellores que hai”.

Seguindo co tema, pídolle opinión en relación a como se valoran os adestradores en España e fóra, incluso poñendo exemplos como Mendilibar que dende a súa modestia e traballo en categorías inferiores acadou unha UEFA co Sevilla e despois prescindiron del ao pouco tempo. Manolo, neste senso, considera que este tipo de cousas só pasa en España, que non se valora dabondo o traballo que hai detrás e quizais máis outras cousas…  cre que fóra de España valórase máis o traballo que o nome. E pon o exemplo do Bayer Leverkusen, “un equipo que adestrado este ano por Xavi Alonso, sen experiencia ningunha en 1ª división, xogou moi ben, acadou dous títulos e sen xogadores famosos”. “O traballo, e sacar o maior rendemento dos xogadores, foi clave”, comenta tamén Manolo.

falando de adestradores… cre que fóra de España valórase máis o traballo que o nome

FÚTBOL GALEGO E SELECCIÓNS

Preguntado por como ve ao fútbol galego, o adestrador do Espanyol pensa que “hai nivel para ter algún equipo máis en primeira, están saíndo xogadores pero non sei a que nivel se traballa”.

Respecto das seleccións nacionais, considera que non cre que a Galega deba competir a nivel internacional de xeito oficial e ve á Española con serias opcións de gañar a Eurocopa. Respecto a esta última comenta que “xoga moi ben e, aínda que todo se vaia valorar de se gaña ou non, está sendo o mellor equipo da Eurocopa. Paréceme unha selección con moito mérito a nivel rendemento”.

Rematamos preguntándolle se veu pasar algúns días pola súa terra e dinos que hai tempo que non vén por aquí porque non ten demasiado tempo.

Manolo González nun partido. Foto cedida MG.

ÚLTIMAS

Premios da XXVIII Cata do Viños da Ribeira Sacra

Este venres pola tarde levouse a cabo a entrega de galardóns da XXVIII Edición...

Máis fondos para mantemento de camiños rurais reclama o PP de Monforte

Os camiños rurais, explican desde o PP; son esenciais para vertebrar e conectar núcleos...

Fin de semana de festas patronais en Oural

A Xunta de Galicia colabora coas festas patronais de Oural, en Sarria, que se...

Carrilanas e xogos tradicionais en Folgoso do Courel

Un ano máis, o Concello de Folgoso do Courel dedícalle unha xornada ás tradicións...