HomeDeportesQuiroga Trail Challenge: máis de 400 participantes inscritos no primeiro mes

Quiroga Trail Challenge: máis de 400 participantes inscritos no primeiro mes

A XI edición da proba líder do trail running galego celebrarase os días 15 e 16 de febreiro de 2025. Contará con moitas novidades e a axuda de máis de 100 voluntarias e voluntarios.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O QTC25 comeza a súa particular conta atrás anticipando, por parte da organización, o número de inscricións pechadas, as novidades e o deseño das probas. Entre as novidades, preséntanse probas ‘bautizadas’ por diferentes patrocinadores, moitos deles emprendedores locais.

SÁBADO 15 DE FEBREIRO

No Trail do Castelo, os participantes máis expertos e resistentes estrearán a Ultra “Atrium Vitis”, de 83 quilómetros e 5000 m. de desnivel positivo, na que poderán ascender ao Pico Pía Paxaro, gozar das fervenzas máis simbólicas do Xeoparque Montañas do Courel e pasar por pobos singulares como Paradaseca, Rugando, Outeiro, Vilarbacú, A Seara e Paradapiñol. Un percorrido duro e equilibrado, onde se mestura o paso por soutos, viñas, ríos e montañas que transmiten toda a esencia do Courel.

Outra novidade importante é o nacemento dunha nova ultra de 53 quilómetros “Casa de Outeiro”, con 3100 metros de desnivel positivo. Deseñada para aqueles que queren dar o salto da maratón á distancia ultra.

Para os maratonianos manterase o Maratón Casa do Estanco, de 42 quilómetros e 2400 metros de desnivel positivo, co percorrido da pasada edición en sentido inverso que resultou todo un éxito.

O Trail “Fisiosport”, de 29 quilómetros e 1100 metros de desnivel positivo. Unha distancia intermedia que non ten nada que envexar a outras pola súa tecnicidade; apta soamente para os que gusten da auga e do barro.

E pensando nos que empecen neste deporte: o MiniTrail “Bodegas EDV”, de 17 quilómetros e 1100 metros de desnivel positivo, e “A Carreiriña Finca Millara”, de 10 quilómetros e 400 metros positivos, outra das novidades desta edición, na que tamén poderán estrearse corredores a partir dos 14 anos. 

Finalmente, e para os andadores, dúas opcións: a clásica Andaina “Coureleando”, de 17 quilómetros, ou a recén chegada ao programa: a Andaina “O Galeirón”, de 10. As dúas comparten os percorridos do minitrail e da carreiriña, respectivamente.

DOMINGO 16 DE FEBREIRO

Para este día estarase xa en territorio “doLor”, onde os e as participantes poderán descubrir os recunchos máis descoñecidos do Courel no Trail de 29 quilómetros, con 2000 m. positivos; no Minitrail de 17, con 1250 m de desnivel positivo, ou estrear tamén a Carreiriña Finca Millara, de 9 quilómetros e 700 m. positivos, a partir dos 14 anos.

A opción de andaina repetirase o domingo tamén polo territorio do Lor coa Andaina “O Galeirón”, de 9 quilómetros e 700 m. positivos, compartindo o percorrido da carreiriña.  

Corredor do QTC (arquivo). Foto: Miguel Rúa.
INSCRICIÓNS E PREPARACIÓN    

Desde a organización do evento transmiten a súa satisfacción polo éxito acadado no primeiro mes con máis de 400 deportistas inscritos. “Que un 26% dos participantes sexan de fóra de Galicia e que un 24% sexan mulleres son datos, sen dúbida, moi positivos que nos ilusionan e animan para continuar traballando con máis ganas aínda; pero, sobre todo, a maior recompensa é o feito de comprobar que, ano tras ano, contamos cun elevado número de fieis participantes que marcan o QTC como cita fixa nos seus calendarios deportivos”, comentan Blas Rodríguez e José Manuel Barreiro, directores da proba.

No que respecta ás persoas inscritas, estas chegan de 24 provincias e 11 comunidades do estado, destacando a presenza de deportistas que virán incluso de Canarias.

Coas tarefas de desbroce xa iniciadas, a organización informa tamén que xa hai percorridos listos xa para adestrar .

ÚLTIMAS

O PP de Monforte urxe a mellora inmediata da conexión da N-120 co Polígono do Reboredo

A voceira popular, Katy Varela, denuncia que o firme se atopa nun estado “totalmente...

CSIF esíxelle ao Concello de Taboada maior financiamento para o SAF

Este escrito enmárcase nunha iniciativa que o sindicato está a desenvolver en todos os...

Irmandamento entre a Feira do Viño de Amandi e a Festa da Filloa de Muimenta

O Concello de Sober aproveita a conta atrás da Feira do Viño de Amandi...

Os Bolechas ensinan sobre compostaxe doméstica na publicación “Os composteiros de Monforte”

“Os composteiros de Monforte” está protagonizado polos coñecidos Bolechas, encargados de ensinar á rapazada...