O programa, que conta co apoio da Deputación de Lugo, busca facilitar o acceso a coñecementos e ferramentas de prevención e autocoidado tamén ás persoas que viven fóra dos grandes núcleos urbanos. Ata o momento, ACARLU xa realizou actividades en Navia de Suarna, A Pontenova e Guitiriz, cunha boa acollida por parte dos veciños e veciñas.
As sesións inclúen charlas e coloquios sobre saúde cardiovascular, alimentación, medicación, sinais de alerta e hábitos saudables, así como formación en reanimación cardiopulmonar (RCP) e utilización de desfibriladores. A programación complétase con actividades físicas adaptadas, camiñadas e espazos de apoio e intercambio de experiencias entre persoas que viven ou viviron situacións cardiovasculares.

