A renovación total da Piscina municipal conta cun investimento de 2.047.009,42 €, participado polo Consello Superior de Deportes que concedeu unha subvención ó Concello para este fin de 644.882,94€, o que representa o 31,5% do investimento; a Deputación Provincial de Lugo, que aporta, a través dun convenio co Concello, 600.000€, o que supón o 29,3%; e o Concello, que aporta 802.126,48€, o que representa o 39,2%.
Dentro do orzamento as partidas que supoñen un maior investimento son as destinadas á climatización (358.567,44€), revestimentos exteriores (163.224,53€), electricidade, iluminación e telecomunicacións (113.335,75€) e albanelaría (107.017,38€).
O alcalde destaca que a obra de mellora da Piscina Municipal é unha actuación moi necesaria que vai a dar servicio tanto ó club de natación do municipio, coma ós 1.883 usuarios habituais (1396 abonados e 487 participantes en cursos de natación) cos que actualmente conta esta piscina. Logo da reforma, salienta José Tomé, “os monfortinos e monfortinas contarán cunha piscina moderna, segura, eficiente, sostible e en estado óptimo de utilización”.
As obras deron comezo a principios de outubro, co acondicionamento do espazo, e teñen que estar rematadas en setembro de 2025 “porque é o prazo que temos para xustificar as 2 subvencións, a do Consello de Superior de Deportes e a da Deputación Provincial de Lugo, aínda que na realidade estarán rematadas antes do verán”.
PIARES BÁSICOS DE ACTUACIÓN
Dado o carácter extraordinario da licitación, co obxectivo de cumprir os parámetros das axudas e subvenciones concedidas, son claves no proxecto a mellora da eficiencia enerxética, a inclusión e a sustentabilidade.
- Modernización: O deseño será novidoso e atemporal para dar unha nova imaxe ao edificio, e acorde co deseño do novo Pavillón Polideportivo.
- Dotación deportiva: aumentaranse os espazos auxiliares para mellorar a súa dotación especializada e a experiencia do usuario.
- Dotación para os espectadores: Mellorarán os espazos destinados ós espectadores tanto as bancadas, como a cafetería.
- Eficiencia: Mellorarase a eficiencia enerxética, tanto a nivel da envolvente térmica do edificio como das instalacións.
- Accesibilidade: Favorecerase a inclusión coa dotación de espazos reservados e servizos para persoas con mobilidade reducida.
- Comunicacións e zonas adicionais: Terase en conta a relación entre os demais edificios deportivos da contorna, expandindo as zonas de relación e a comunicación interna de todos os edificios deste complexo deportivo.
As actuacións interiores irán destinadas a devolver a funcionalidade ás instalacións e a amplialas, para dar servizo á crecente demanda por parte dos usuarios.
A zona do vaso de piscina manterase como está actualmente, ó atoparse, segundo os informes técnicos, en bo estado.
O groso da intervención de mellora céntrase nos espazos que dan servizo á propia piscina. A entrada desprázase cara á esquina onde confluirá co Pavillón polideportivo, para crear un gran vestíbulo de acceso común a ambos espazos, piscina, e polideportivo.
Interior Piscina Monforte
Este cambio mellorará notablemente a funcionalidade da instalación ó posibilitar ter o control de acceso previo para ambas infraestruturas e proporcionaremos a visitantes e usuarios unha zona agradable e de esparcimento, previa á entrada ó complexo deportivo. Ademais, dotaremos este novo espazo de chan radiante para que nos meses de frío, se poida estar nel con total comodidade.
A reorganización de espazos que se realizará no conxunto do edificio, reordenando a zona de acceso, facendo máis eficientes os percorridos, eliminando as escaleiras que había para subir á cafetería e ampliando os espazos en xeral, dotará ó edificio dun itinerario accesible ata cada unha das estancias, permitindo a autonomía de calquera persoa que acceda ó mesmo.
A eliminación da entreplanta permite aumentar a superficie de vestiarios baixo ela, e crear un acceso ós vestiarios de grupos e á grada independiente. A cafetería que dará servizo tanto á Piscina como ó Pavillón polideportivo, con vistas directas ós vasos, e saída directa ás bancadas reformadas. A cafetería terá acceso independente desde o hall principal e podería permanecer en funcionamento cando a piscina se atope pechada, dando servizo ó Polideportivo.
Na planta baixa situarase a recepción e tras esta, dous vestiarios para grupos e un vestiario de persoal, ademais dun despacho para administración. O ximnasio desprazarase á zona sur, ampliando a súa superficie e mellorando a súa funcionalidade.
En canto á zona de gradas, amplíase o seu aforo, co obxectivo de mellorar a experiencia dos espectadores durante os eventos deportivos. Ademais, haberá un novo acceso ás bancadas mediante un corredor que conectará directamente co hall principal do complexo polideportivo.
Exteriormente, o edificio revestirase cunha “nova pel” a través dun zócalo pétreo que alcanzará a altura das ventás. A mellora da fachada levarase a cabo mediante un Sistema de Illamento Térmico Exterior, o que se coñece como SATE, o cal consiste na aplicación dun illamento térmico apoiado nun soporte principal (neste caso na súa gran maioría cerramento existente) e finalízase cunha capa armada de morteiro e acabado.
Esta nova fachada caracterizarase polas súas formas redondeadas e curvas, que actualizarán a imaxe do edificio en consonancia coa estética do Pavillón polideportivo que vimos de reformar, para acadar unha imaxe homoxénea de todo o conxunto.
“Con esta actuación externa perseguimos un dobre obxectivo: dar resposta ás necesidades concretas do espazo deportivo e a súa contorna, e converterse nunha nova icona da cidade, cun toque de deseño e modernidade, pero dunha maneira sinxela e elegante” destacou José Tomé.
“Estes máis de 2 millóns de euros, engadidos os 3,7 millóns de euros que investimos no novo pavillón polideportivo, supoñen unha inversión de practicamente 6 millóns de euros grazas ó cal este conxunto polideportivo da Pinguela será un referente a nivel de equipamento e instalacións deportivas, cunha imaxe atractiva e contemporánea, á disposición dos veciños, veciñas e deportistas que seguro a converterán, xunto co pavillón, nun conxunto de referencia para a comarca de Terra de Lemos, na provincia de Lugo e en toda Galicia, comparándoo con concellos de similares características ó de Monforte”, destaca Tomé.