Esta semana presentouse a XII Ruta 4×4 Comarca de Sarria, que se celebrará do 15 ao 16 de novembro. A cita está organizada pola asociación Os Carro x Catro e o Concello de Sarria coa colaboración da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A ruta turística terá como centro de referencia o polígono de Morelle de Sarria e percorrerá tamén os concellos de Samos, Triacastela, Láncara, Baralla e Becerreá.
A proba, aberta á participación de motos, quads, todoterreos e buggies, conta con preto de 300 inscricións.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que a asociación promotora, “Os Carro por Catro”, está a converter a localidade nun referente para os afeccionados a esta modalidade. Neste sentido, lembrou que en xuño celebraron a primeira edición da Festa do Motor 4×4, con notable éxito e igualmente co apoio do Goberno galego.
O vicepresidente, Efrén Castro, destacou “a contribución desta ruta turística á dinamización económica e social de Sarria e da comarca, que a organización incentiva con actividades complementarias á propia ruta como a saída nocturna do venres ou as probas de habilidade no polígono de Morelle” e encadrou a colaboración coa asociacíon Os Carro x Catro no apoio que desde as distintas áreas da Vicepresidencia da Deputación se presta ao tecido asociativo.
Programa
Venres, 15 de novembro
21.00 – Benvida
22.00 – Saída nocturna polos arredores da Vila de Sarria.
Sábado, 16 de novembro
08.00 – Entrega de documentación no Restaurante O Meigallo.
08.30 – Saída da ruta turística.
14.00 – Xantar no Campo da Festa do Samos.
19.00 – Fin da ruta.
22.00 – Cea de gala no Restaurante Cinza e Lume.
Domingo, 17 de novembro
09.30 – Probas de habilidade no polígono do Morelle.
15.00 – Xantar
16.30 – Entrega de trofeos.