HomeDeportesMonforte volverá ter un final de etapa de 'La Vuelta 2025'

Monforte volverá ter un final de etapa de ‘La Vuelta 2025’

A capital da Ribeira Sacra será protagonista na 15ª etapa de La Vuelta o 7 de setembro, proba que contará cun percorrido de 167 quilómetros, cualificado como de montaña.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, achegouse a Madrid para estar na presentación oficial da 90ª edición de La Vuelta. Alí asistiu á boa nova de que Monforte terá un final de etapa, concretamente da 15ª, e aproveitou para poñer en valor a importante presenza da proba en toda a provincia grazas ás xestións da institución provincial a través dun contrato de patrocinio coa entidade organizadora, Unipublic.

“Sabemos que o retorno económico e en termos de promoción para a provincia é enorme e por iso levamos anos apostando por esta proba. Porque ademais dun escaparate importantísimo, mobiliza unha organización de 3.000 persoas”, apuntou o Presidente, quen valorou que a aposta da Deputación permitiu que en tan só catro anos, a provincia de Lugo fora escenario de tres etapas desta cita ciclista e o que iso supón polas retransmisións en directo seguidas por millóns de persoas.

Na gala de presentación de La Vuelta 2025 desveláronse as localidades e as datas polas que transitarán as diferentes etapas da proba no 2025, que arrincará o 23 de agosto en Italia e rematará en Madrid o 14 de setembro. “O obxectivo que motivou á Deputación para volver colaborar coa organización de La Vuelta para o seu paso pola provincia forma parte da nosa estratexia para impulsar o desenvolvemento social e económico, neste caso coa promoción do territorio a través do turismo”, comentou José Tomé Roca.

José Tomé Roca co exseleccionador de fútbol Vicente del Bosque. Foto: Prensa Deputación de Lugo.
RELEVANCIA DE ‘LA VUELTA’

La Vuelta, “proba situada na elite do ciclismo mundial, co Giro de Italia e o Tour de Francia como compañeiras”, referiu Tomé Roca, está cuberta por uns 1.000 xornalistas de máis de 270 medios e a retransmisión de RTVE conta con máis de 1 millón de telespectadores que se suman aos millóns de persoas que seguen o evento polas redes sociais. Só os vídeos das canles oficiais de La Vuelta contan con 277 millóns de visualizacións. Todo o anterior, sumado ao retorno directo que xera coa xente que se mobiliza nunha proba como esa a nivel organizativo, contribúe, dixo o mandatario provincial, a “incrementar a actividade na hostalería, no turismo e no comercio local”.

Segundo datos que traslada tamén a Deputación de Lugo, La Vuelta Ciclista a España é seguida anualmente en 190 países, que chegan a unha audiencia real de 400 millóns de espectadores. A meirande parte dos seguidores están localizados en países de Europa, como Francia, Bélxica, Italia ou Noruega, entre outros, pero tamén están presentes en todo o arco americano, cunha grande audiencia en Colombia, e en Asia, con presencia en países como Xapón.

Á marxe dos datos anteriores, na actualidade a proba española é, xunto a Giro e Tour de Francia, unha das de referencia a nivel mundial. Máis aínda despois de ampliar as súas fronteiras respecto daquelas edicións que percorrían só terriorio español. Hoxe, La Vuelta é xa unha proba internacional que atrae aos mellores ciclistas do mundo e que cada ano amplía o seu prestixioso palmarés sumando referentes da disciplina.

ÚLTIMAS

‘A Galeguiña’, da marca monfortina Gemma & Naza Cheesecakes, mellor Torta de Queixo de Galicia 2026

A torta premiada, bautizada como "A Galeguiña", nace cunha idea moi clara: render homenaxe...

Educación ambiental e baloncesto co proxecto ‘Ningún Aro Sen Rede’

De Lugo a Escairón, pasando por Monforte de Lemos e Antas de Ulla. A...

Folgoso do Courel homanexeu a súa castaña

A celebración é un importante punto de encontro para veciños e visitantes, cunha gran...

O PP esixe o arranxo urxente da LU-P-4112 en Pantón para garantir a seguridade do transporte escolar

Os deputados do Grupo Provincial Popular advirten a PSOE e BNG, tralo anuncio de...