Pechadas xa as inscricións unhas horas antes da data límite por prazas esgotadas destácase o incremento de participantes doutras comunidades autónomas do país, con especial presenza de participantes de Madrid, Castela-León, Canarias, Baleares, País Vasco e Asturias. A participación internacional estará representada por corredores procedentes de Portugal, Alemaña e Estados Unidos.
Outros datos igualmente significativos son os incrementos nas porcentaxes de participación feminina, un 30%. Repuntan as distancias curtas: a carreiriña, que se estreou na pasada edición, con aumento de presenza entre os máis novos de 12 a 16 anos; e tamén a distancia do minitrail, cuns 400 rexistrados. Á súa vez, as dúas distancias ultra do sábado suman de novo uns 90 participantes, que por tratarse do temido e salvaxe territorio Lor son máis que valentes.
“Son cifras moi satisfactorias, debido a que queremos dar a coñecer o tesouro que encerra o Xeoparque Montañas do Courel na súa totalidade: como contorna natural indiscutible e tamén coas súas aldeas, xentes, cultura e gastronomía”, asegura a organización. Nesta edición cobra protagonismo unha parte do Xeoparque moi descoñecida, a montaña do Lor, que non deixará a ninguén indiferente pola súa beleza e dureza.
“Que a carreira manteña, ano tras ano, os centos de corredores galegos que non dubidan en volver unha vez máis e que xa sexa recoñecida tamén a nivel nacional énchenos de orgullo e satisfacción”, afirman Blas Rodríguez e Manuel Barreiro, directores da organización. A festa do trail galego celebrarase os días 28 de febreiro e 1 de marzo.

Quiroga Trail / Miguel Rua

