A expedición feminina do club monfortino regresou con dous metais e marcas persoais que confirman o excelente estado de forma da súa canteira.
Sara Pérez coroouse como a gran protagonista da xornada ao colgarse a medalla de ouro nos 600 metros lisos. Cun tempo de 1:37.82, Pérez dominou a proba con autoridade, demostrando a súa progresión táctica e física.
Mencía Álvarez acadou o segundo chanzo do podio nos 1.000 metros lisos, logrando unha valiosa medalla de prata cun crono de 3:03.08, tras unha carreira de gran nivel competitivo.
Alba Lois completou unha actuación notable na mesma distancia, finalizando na 5ª posición e logrando a súa Mellor Marca Persoal (MMP) cun tempo de 3:11.14.
Pola súa banda, Claudia Carballal debutou con solvencia na elite galega, rexistrando un tempo de 3:35.98 que lle serve para sumar unha experiencia competitiva fundamental de cara a futuras citas.
“Estes resultados son o froito do esforzo diario e a ilusión das nosas atletas. Ver a Sara e Mencía no podio, e a Alba superando a súa propia marca, motívanos a seguir traballando nesta liña”, sinalan dende a directiva do club.
Con esta actuación, o Atletismo A Gándara reafirma a súa posición como un dos referentes do atletismo de base en Galicia, levando o nome de Monforte ao máis alto do podio autonómico. Tras este éxito, as atletas xa poñen a vista nos vindeiros obxectivos da tempada de pista Cuberta xa que Sara e Mencía participarán no Campionato de España que se Celebrará o 7 e o 8 de marzo en Salamanca.

