O concello de Monforte vén de presentar a 4ª Etapa de La Vuelta Femenina 26 by Carrefour.es que sairá de Monforte o vindeiro mércores 6 de maio e percorrerá o centro urbano desde a Compañía ata o Morín. Unha “moi boa noticia para Monforte, que volverá ser protagonista no panorama nacional e internacional a través dun deporte competitivo e de alto rendemento como é o ciclismo, que conta cunha gran afección a nivel mundial”, apuntou o rexedor local, José Tomé. Nesta ocasión, a través “dunha das grandes citas do ciclismo feminino en todo o mundo, e que reunirá ás mellores corredoras do ámbito internacional”.
Monforte xa foi sede o 7 de setembro de La Vuelta na modalidade masculina, xornada na que a cidade acolleu con gran éxito a chegada da Etapa número 15. “Esta é a 5ª vez que La Vuelta ten saída ou chegada en Monforte”, o que supón que “de media, cada 2 anos temos un evento relacionado con La Vuelta, cousa que poucas cidades poden dicir”, sinalou o alcalde.
A carreira terá unha cobertura mediática que chegará a 190 países, con retransmisión en canles como RTVE e Eurosport, e cun importante despregue de medios de comunicación nacionais e internacionais. Agárdase a presenza ‘in situ’ de xornalistas especializados de 9 nacionalidades: Brasil, Francia, Italia, Colombia, República Checa, Portugal, Países Baixos, Polonia e España.
O alcalde puxo tamén en valor o importante “impacto” que terá este evento na economía local, xa que a presenza de equipos, organización, medios e afeccionados “contribuirá a dinamizar sectores clave como a hostalaría, o comercio e o turismo”. O alcalde quixo destacar a colaboración do Equipo de Goberno coa organización de La Vuelta, especialmente co seu Director Javier Guillén, que agradeceu a relación co concello.

