HomeDeportesConta atrás para a 2ª edición de "A Nocturna do Xeoparque"

Conta atrás para a 2ª edición de “A Nocturna do Xeoparque”

Terá lugar o vindeiro 3 de outubro de 2026 no Concello de Ribas de Sil e baixo a organización do equipo da coñecida "Quiroga Trail Challenge". O evento busca, ademais de fomentar o deporte de montaña, impulsar o territorio do Xeoparque Montañas do Courel.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O sábado 3 de outubro de 2026, os carreiros do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel iluminaranse coa celebración da proba coñecida como “A Nocturna do Xeoparque. Esta cita deportiva, organizada polo equipo da Quiroga Trail Challenge, percorrerá paraxes icónicas como A Moa, seguirá fomentando a práctica do deporte de montaña no territorio e axudará a dinamizar economicamente a Comarca de Quiroga.

Unha das grandes apostas desta edición é o impulso do deporte base a través das Carreiras Picariñ@s, deseñadas exclusivamente para menores de ata 11 anos. A organización destaca a vital importancia destas probas gratuítas e non competitivas como unha ferramenta fundamental para inculcar hábitos de vida saudables desde a infancia. Ao facer partícipes aos máis pequenos, segundo indican dende a organización, “o evento non só fomenta o compañeirismo e o amor pola natureza, senón que crea unha canteira de futuros deportistas que aprenden a respectar e valorar a contorna natural do Xeoparque mentres se divirten correndo”.

APROVEITANDO A EXPERIENCIA DO ‘QUIROGA TRAIL CHALLENGE’

Avalados por unha traxectoria impecable na xestión de eventos de máxima esixencia técnica –como o prestixioso Trail do Castelo ou o Trail do Lor–, os organizadores veñen de demostrar estes anos que a súa xestión asegura os máis altos estándares de seguridade e loxística na organización deste tipo de probas. Ademais, o saber facer e a reputación da organización acadaron que esta proba forme parte oficial do circuíto da Superliga Galega de Trail e CxM.

ESIXENCIAS E TRACTIVOS DO PERCORRIDO

O trazado nocturno de 16 quilómetros e 1.150 metros de desnivel positivo esixirá, entre outras cousas, o uso estrito de material obrigatorio como frontais e mantas térmicas.

No que respecta ás paraxes das que se poden gozar, os e as participantes coñecerán de preto unha riqueza xeolóxica e paisaxística única no Concello de Ribas de Sil. O roteiro ten como un dos seus grandes atractivos o paso por contornas estratéxicas e de gran valor natural como A Moa, ofrecendo aos corredores unha vivencia sensorial inigualable baixo o ceo nocturno e conectando o deporte co patrimonio natural galego.

DINAMIZACIÓN TURÍSTICA E ECONÓMICA

Alén do ámbito puramente competitivo, as carreiras por montaña que organiza o equipo da Quiroga Trail Challenge representan unha inxección económica crucial para o sector servizos local. A chegada masiva de atletas, acompañantes e afeccionados procedentes de toda a península xera un beneficio directo e inmediato en hostalería e restauración e no comercio local; sen esquecer a importancia da difusión promocional do territorio para futuras estancias e visitas que fai toda a xente chegada de fóra.

MODALIDADES E INSCRICIÓNS

Para asegurar unha participación inclusiva, o evento conta con diferentes distancias:

A Nocturna (Trail Longo): 16 km con 1.150m D+ .

A Carreiriña (Trail Curto): 10 km con 700m D+

Andaina (Sendeirismo): 8 km con 400m D+

Carreiras Picariñ@s: Probas infantís gratuítas (ata 11 anos).

O prazo para formalizar a participación permanecerá aberto ata o próximo 25 de setembro de 2026 e as persoas interesadas poden consultar o regulamento completo e tramitar a súa praza directamente a través da sección oficial na páxina web do evento.

ÚLTIMAS

O ‘Festival do Viño da Ribeira Sacra’ consolídase como escaparate do sector vitivinícola

O pasado venres 3 de xullo comezaba no Paseo do Malecón o VIII Festival...

Segredos de Pantón anuncia os roteiros escollidos para ‘Cultiva Cultura’

Tras anunciar días atrás a súa estratexia de promoción do territorio con roteiros de...

Dous detidos por transportar MDMA, cocaína e haxix ocultas no seu vehículo no Páramo

A Garda Civil detivo a dúas persoas como presuntas autoras dun delito contra a...