A cidade finlandesa de Lahti acollerá o Campionato do Mundo de Marcha Nórdica, unha cita na que Galicia estará representada por Alberto Fidalgo Pesquera, deportista da Ribeira Sacra, taboadés e residente actualmente en Perillo, Oleiros (A Coruña).
Fidalgo afrontará o campionato co obxectivo de loitar polas posicións máis altas do podio nas distancias de 10 e 21 quilómetros. O marchista galego chega a Finlandia despois dunha tempada que considera “especialmente esixente e marcada polas dificultades para sacar adiante o seu proxecto deportivo”. Aínda así, os resultados volveron demostrar a súa capacidade de superación. Este mesmo ano proclamouse Campión de Europa de Marcha Nórdica da súa categoría en Catania (Italia), na distancia de 10 quilómetros, “un resultado que supón un importante impulso de cara ao Mundial”, afirma.
O ORGULLO DE REPRESENTAR A GALICIA E O APOIO INCONDICIONAL DA FAMILIA
O vindeiro 12 de setembro, Alberto Fidalgo Pesquera volverá poñer os bastóns en Lathi (Finlandia) para afrontar as distancias de 10 e 21 quilómetros e tratar de subir Galicia ao máis alto do podio mundial. Un novo reto co compromiso de levar a súa terra por bandeira e ter a seguridade e motivación do apoio familiar.
Alén dos resultados, o taboadés ten claro que “representar a Galicia alá onde vou é un orgullo enorme. Levar a nosa terra comigo
en cada competición é unha motivación máis para seguir loitando e dalo todo”.
Detrás de cada competición existe, ademais, un importante traballo que vai moito máis alá dos quilómetros percorridos. O deportista quere poñer en valor o apoio da súa familia, patrocinadores e colaboradores, fundamentais para poder afrontar os desprazamentos, a preparación e todos os gastos que implica manter unha tempada deportiva internacional. “Estes retos nunca se conseguen sós. Hai moitas persoas detrás, empurrando, axudando e facendo posible que poida estar na liña de saída”, explica Fidalgo.
Xunto ao anterior, non esquecer que os seus éxitos deportivos chegan grazas á súa autoconfianza, traballo e perseverancia. “Imposible é o que non se intenta” é unha frase que o acompaña e resume o seu xeito de entender o deporte.

