HomeEconomíaO comercio local monfortino non se resigna a morrer

O comercio local monfortino non se resigna a morrer

O funeral simbólico que se escenificou este pasado xoves, 19 de setembro, por rúas céntricas da cidade de Monforte, era o punto e final dunha campaña de concienciación que botou adiante o Centro Comercial Urbano en colaboración coa produtora local Némesis Audiovisual.

Publicado o

- Advertisement -

A crise do comercio local é un tema que preocupa, cada vez máis, e que resulta moi complexo á hora de analizar e buscarlle posibles solucións. Os establecementos de proximidade venden menos, a competencia dos centros comerciais, das grandes superficies e das plataformas de venda a través de internet cada vez é máis feroz e os hábitos de consumo cambiaron e cambiarán case sen decatarnos. Estes son algúns dos motivos polos que o comercio de proximidade está pasando un mal momento, pero seguro que hai máis.

Dende o Centro Comercial Urbano -CCU- non se resignan a esta realidade e fan un traballo proactivo para buscar que os establecementos asociados sexan máis competitivos e que os potenciais clientes vexan como primeira opción realizar as súas compras ou contratar os seus servizos en negocios de Monforte.

Estes días botaron adiante unha campaña de concienciación, da que temos xa informado en Xornal de Lemos, que abordaba diferentes frontes e o punto final á mesma foi este xoves 19 de setembro pola noite. Tratábase de escenificar un funeral, un enterro do comercio para a continuación facer unha proclama de eloxio, ilusión e de esperanza confiando na ‘resurrección’.

A acción comezou ás 20:30 h. na Praza España coa lectura dun manifesto a cargo do que foi primeiro presidente da asociación CCU, Ovidio Pérez Reñones, quen repasou as orixes da entidade hai 17 anos recoñecendo que as finalidades e os retos dos comerciantes monfortinos seguen sendo os mesmos.

“Monforte está chamada a ser o centro de referencia da actividade turística. O turismo preséntase como a nova Renfe”

Referiuse á necesidade de ter presente que Monforte é o escenario, o escaparate do comercio local e destino turístico “porque comercio e cidade son a mesma cousa e necesítanse mutuamente. O comercio precisa rúas peatonais iluminadas, limpas, decoradas, con aparcamentos… e a cidade necesita contar con establecementos modernos, especializados, competitivos e que atraian visitantes”. Engadindo que “como núcleo de maior poboación e de máis servizos neste territorio, Monforte está chamada a ser o centro de referencia da actividade turística. O turismo preséntase como a nova Renfe”.

“debemos darlle ao cliente potencial o que demanda de nós; un trato de calidade, persoal e especializado, con atención á persoa e ao detalle”

Abondando na importancia do turismo lembrou “que hai 17 anos plantexábase como alternativa para impulsar a nosa dinamización, hoxe é unha realidade, que nos próximos anos vai a ir a máis e temos que estar preparados” (…) “mentres camiñamos cara o despegue absoluto do turismo, debemos darlle ao cliente potencial o que demanda de nós; un trato de calidade, persoal e especializado, con atención á persoa e ao detalle. Con horarios adaptados ás necesidades dos clientes”.

E, loxicamente, tamén tivo palabras para os clientes, monfortinos/as e xente da contorna que ten Monforte como centro da súa actividade comercial “todos viaxamos no mesmo barco. Se o comercio fracasa, fracasamos como cidade e o turista que vai vir, igual non quere volver. Temos que crer nas posibilidades que temos como cidade para que os proxectos se fagan realidade, agora que non son só unha ficción.

“Se o comercio fracasa, fracasamos como cidade e o turista que vai vir, igual non quere volver”.

Como colofón deu explicacións á acción de fin de campaña “por iso agora imos a darlle funeral ao vello, ós atrancos que tivemos, ás diferenzas que utilizamos para desunirnos en lugar de unirnos, ós medos, á apatía e á falta de ilusión e esperanza”, e deixou unha consigna de ánimo e ilusión destacando que “o futuro que temos ás portas témolo que afrontar todos con responsabilidade e compromiso, comerciantes e veciños. Porque o comercio local non pode saír adiante sen vós”.

Momento da acción no seu paso pola Avda. de Galicia. Foto: Némesis Audiovisual.

O percorrido da comitiva, conformada por esqueletes, xente con candeas e batucada, partíu da Praza España, pasando polas rúas Comercio, Hortas, Avda. de Galicia e Cardeal para regresar ao punto de encontro onde o actor monfortino Iñaki Castro deu lectura a un panexírico para revitalizar ao comercio local.

Calcúlase que arredor de cen persoas acompañaron a procesión fúnebre simbólica e botouse en falta maior apoio, tanto de comerciantes como de monfortinos e monfortinas concienciados/as coa causa.

ÚLTIMAS

O empresario orixinario de Pantón, Gerardo Rodríguez, segue levando o sabor de Galicia a Madrid

Anos despois seguíulle dando forma ao seu proxecto e puxo en marcha no 2018...

Detidos dous veciños de Sober por roubar un martelo hidráulico das obras da A-6

A Garda Civil detivo a dous veciños de Sober de 32 e 40 anos de idade...

O concello do Incio contará cunha nova área recreativa en Trascastro

A actuación vaise desenvolver en dúas fases. Na primeira delas, o alumnado está a...

O BNG de Taboada demanda actuacións urxentes na N-540 e chama a unha manifestación o 3 de maio

O grupo municipal do BNG de Taboada vén de presentar unha moción que será...