InicioEconomíaRibas de Sil presenta o ‘primeiro gran proxecto turístico’ do Xeoparque Montañas...

Ribas de Sil presenta o ‘primeiro gran proxecto turístico’ do Xeoparque Montañas do Courel

Trátase dun camping que destacará pola súa estética e pola súa capacidade. Será o primeiro de Galicia no que os bungalows están construídos aproveitando contedores mariños reciclados e a capacidade do complexo alcanzará as 100 persoas. Falamos con Roberto Castro, Tenente de Alcalde de Ribas de Sil.

Publicado o

- Advertisement -

O Concello de Ribas de Sil, na zona sur da provincia de Lugo, presume cada vez máis do seu enclave privilexiado dentro da Ribeira Sacra e moi preto das Terras de Trives e do Courel. Todo apunta a que o turismo aumentará estes anos na zona grazas ao potencial do Camiño de Inverno e do Xeoparque Montañas do Courel ademais da esperada declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Roberto Castro, Tenente de Alcalde do concello, ten claro que cómpre anticiparse ao que está por chegar. A demanda de aloxamento turístico vai en aumento e hai que estar preparados para cubrir esas necesidades ao tempo que se dinamiza economicamente o territorio.

Coñecedores desta realidade, dende o Concello de Ribas de Sil empezaron a construír un camping moi preto do río Sil e da coñecida zona recreativa da Praia Fluvial de San Clodio. Neste punto esperan sacar en breve a licitación pública o subministro de 8 bungalows e tamén as obras de remate do complexo turístico. Segundo nos conta Castro, o custe das obras ascende a 371.342,20 euros, 91.543,70 corren a conta do Plan Único da Deputación de Lugo e o resto con cargo a fondos propios do concello. A previsión é que a adxudicación teña lugar a finais deste ano e que no segundo semestre de 2020 as instalacións estean rematadas para empezar a actividade. Preguntámoslle outros detalles deste gran investimento e da súa singularidade a Roberto Castro.

-Como se atreve un concello pequeno como o voso a este ‘gran proxecto’?

-A ver, a idea de aproveitar o potencial turístico estaba aí, e o tirón que está tendo a zona recreativa da Praia Fluvial de San Clodio tamén animaron, pero o fundamental foi que tiñamos os cartos. Xerouse un remanente nas contas do concello, tiñamos un superávit orzamentario e pola regra de gasto tiñamos que darlle saída. Unha das maneiras de facelo que permite a lei é dedicar ese remanente a investimentos, e velaquí a oportunidade para apostar polo camping.

-Os bungalows serán “contedores mariños reciclados”, cóntanos.

-Os bungalows estarán construídos aproveitando, como ben dis, contedores mariños reciclados, feito que resulta innovador e orixinal. Creo que seremos o primeiro camping de Galicia destas características.

-E como se chegou a esta elección?

-A decisión de facer esta montaxe responde a un compromiso por parte do Goberno local coa idea de respectar o medio ambiente e causar o mínimo impacto posible no terreo. Na solución adoptada valoramos o feito de ser un ‘elemento diferenciador’, que o custe é máis reducido e a vantaxe de ser móbiles, podéndose aproveitar para posibles novos usos.

-Chegaron xa as primeiras críticas por este “atrevemento estético”?

-Algunha vin por aí como un comentario que lin que nos reprochaba “andar un pouco perdidos”. Pero, a dicir verdade, estou sorprendido porque ata agora non tivemos críticas importantes (risas).

-Como serán eses contedores, logo?

-Terán unha superficie aproximada de 30 metros cadrados e unha capacidade máxima de 6 persoas cada un, distribuídas en 2 habitacións, salón cociña e cuarto de baño. Ademais, cada un deles será bautizado cun lugar do Xeoparque Montañas do Courel. Os nomes nos que primeiro pensamos son: O Covallón, A Cubela, Pregamento de Campodola, Lagoa de Lucenza, Montefurado, Devesa da Rogueira, Castro da Torre e Val das Mouras.

Montaxe ilustrativa. Lucía Sobral-Pilar Pérez

-Ademais dos bungalows con que instalacións contará  o camping?

-Contará con 14 parcelas para tendas de campaña e autocaravanas e dentro da parcela haberá un espazo adicional de 2000 metros cadrados pensando en futuras ampliacións. Dentro estará situado tamén o edificio que albergará o Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana, museo que espera ser parada imprescindible para as visitas ao Xeoparque, e dúas construcións máis, unha que albergará a recepción e a cafetería e outra onde estarán as duchas e baños para os usuarios e usuarias.

-Este edificio divulgativo está dentro do orzamento dos 371.342,20 euros da obra?

-Esta infraestrutura ten orzamento aparte, uns 121.000 euros. Uns 50.000 que cubrirá o Plan Único da Deputación, 65.000 con cargo ao Plan Leader e 6.000 de fondos do concello.

-Quen levará a xestión das instalacións?

-A intención é sacar un concurso público para a concesión administrativa correspondente. De partida, a nosa intención non é que prime o prezo da concesión se non criterios como a creación de emprego, investimentos adicionais e un bo plan de xestión con programa de actividades. E outra cousa importante, a empresa que obteña a concesión deberá responsabilizarse de abrir ao público o CIMAR (Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana).

Construcións que albergarán a recepción, cafetería, duchas e baños para os usuarios e usuarias. Foto: R. C.

-E como ven a posibilidade de que se reabra de novo o complexo turístico de Augas Mestas?

-Para nós non é un perigo. Creo que o territorio ten sitio para todos e non o vemos como competencia. Ademais, o noso camping terá unha localización máis urbana, será diferente e creo que ambos aloxamentos turísticos serán compatibles.

-Fálase de que a capacidade máxima das instalacións pode chegar ás 100 persoas, é así?

-Si. As previsións son que calculando o total de aloxadas e aloxados, nos bungalows, nas tendas e nas autocaravanas se alcance esa capacidade. Creo que con estas prestacións tamén nos diferenciaremos da competencia. No territorio do Xeoparque non hai a día de hoxe un aloxamento destas características que poda meter a grupos, por exemplo, de 50 persoas como nós. Esa posibilidade fará posible que escolas, ou grupos grandes de camiñantes, colectivos, empresas, clubs, etc poidan aloxarse xuntos nas nosas instalacións.

Para rematar, o proxecto tamén foi bautizado xa, non?

Si, por referencia ao Xeoparque as instalación levarán o nome de ‘Xeocamping’.

ÚLTIMAS

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...