A finalidade desta xornada foi informar de como participar no V Espazo Coworking Ribeira Sacra, que está enfocado a orientar a todos aquelas persoas que teñan en mente unha idea de negocio e queiran desenvolvela. Así, ante perto de 30 asistentes, os diferentes poñentes explicaron o funcionamento deste tipo de espazos coworking, a metodoloxía empregada, así como as fases das que consta o programa.
Os emprendedores aportaron a súa experiencia práctica, unha vez que xa puxeron en marcha a súa iniciativa empresarial, logo de participar en espazos coworking en pasadas edicións. Foi o caso de Cándida Rodríguez Castro, da empresa “Coaching con cabalos”, Xosé García Freire, promotor da empresa “Casa da Fonte” e Martín Mantilla Rodríguez, promotor do establecemento de hostalería “BERSO”.
Como en edicións anteriores, a sede do Espazo Coworking Ribeira Sacra será Expolemos. Este venres 31 remata o prazo de inscrición para esta quinta edición do Espazo Coworking Ribeira Sara. Os interesados poden facelo a través do seguinte enlace: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/monforte-de-lemos-5a-edicion. Ou ben na Oficina de Promoción Económica do Concello de Monforte (Casitas da Compañía) e no teléfono 982 884 775.
As 4 edicións celebradas en Monforte, supuxeron un gran éxito de participación, cun total de 97 emprendedores e emprendedoras titorizados que levaron a constituír 33 empresas. Nel poden participar persoas de tódalas idades que teñan en mente un proxecto de calquera sector, xa sexa turístico, gastronómico, do sector servizos, agrícola, etc.
A matrícula é gratuíta e celebrarase nas instalacións de Expolemos. O Espazo Coworking ofrecerá asesoramento durante uns 6 meses e está concibido para emprendedores que aínda non constituísen a súa empresa ou para persoas que estean nunha fase inicial de desenvolvemento do seu proxecto.