O conselleiro do Medio Rural solicitou que este tipo de decisións sexan previamente comentadas e consensuadas coas comunidades, de cara a unha mellor adecuación ás características de cada territorio. Segundo explicou José González os criterios empregados por Madrid non serven para o sector galego.
Así, o conselleiro sinalou que, aplicando ditos criterios técnicos, Galicia podería beneficiarse, como moito, dunha achega de 300.000 euros sobre un total de 90 millóns para o conxunto de España. Algo especialmente grave tendo en conta, ademais, que os viños galegos con Denominación de Orixe xeran arredor do 6% do valor engadido destas producións a nivel nacional, o que supón máis de 5 millóns de euros.
Pola tanto, advertiu González, o Goberno de España “marca unhas axudas extraordinarias sen ter en conta as especificidades das nosas explotacións, neste caso dos nosos viticultores e as nosas adegas”.
A maiores, a Consellería do Medio Rural considera tamén como outro despropósito a obriga establecida polo Ministerio de que os Consellos Reguladores teñan que reducir a produción nesta mesma vendima, diminuíndo os rendementos máximos por hectárea para vinificación. O Goberno galego critica a escasa marxe de tempo para actuar por parte dos consellos reguladores -que teñen de límite ata o 30 de xuño para comunicar estas decisión- e lamenta que un sector xa enormemente afectado pola covid-19 e anteriormente polos aranceis de Estados Unidos agora, aínda por riba, se vexa obrigado polo Estado a reducir a súa produción.
Por todos estes motivos, o conselleiro pediu ao Goberno que rectifique e lembrou que con estas políticas deixa desprotexido un sector que dá de comer a máis de 13.400 viticultores e 479 adegas, polo que demandou medidas como a posta en marcha de campañas de promoción do consumo de viño e a prol da súa comercialización, así como outras orientadas debidamente ás especificidades do sector galego.