InicioEconomíaIván Gómez: “Seguiremos apoiando aos viticultores, imos coller todo como en anos...

Iván Gómez: “Seguiremos apoiando aos viticultores, imos coller todo como en anos anteriores”

As adegas da D.O. Ribeira Sacra métense de cheo nos traballos da vendima. Falamos co responsable de Regina Viarum, na subzona de Amandi en Sober.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Bodegas Regina Viarum, un proxecto empresarial ligado á viticultura heroica na Ribeira Sacra, naceu no ano 2001 e dende hai uns dez anos conta con Iván Gómez como xerente.

A adega atópase na parroquia de Doade, no Concello de Sober, na subzona de Amandi e con vistas privilexiadas ao canón do Sil. O proxecto non para de medrar e cando sacamos o tema, Iván matiza “non paramos de investir”, dando a entender que o crecemento é en instalacións, en viñedo e en recursos para aumentar e mellorar a oferta enoturística. Neste senso cóntanos que adquiriron recentemente unhas 14 hectáreas de terreo arredor das instalacións da adega nos últimos 3 anos, que seguen mercando uva a pequenos produtores da zona e que continúan investindo en turismo enolóxico.

Vista aérea de Regina Viarum. Foto: R.V.

A PANDEMIA

A pandemia non paralizou os traballos na viña pero freou as vendas, tiveron como o resto de adegas perdas na canle HoReCa -Hoteis, Restaurantes e Cafeterías- e a oferta enoturística paralizouse por completo.

Buscando o lado menos pesimista da situación que xerou a pandemia, Iván explica que “as vendas en cadeas de alimentación, a venda online e a exportación paliaron un pouco as perdas en HoReCa, perdas que chegaron ao 25%, e en xuño reactivouse o enoturismo, que paliou tamén o parón dos meses anteriores”.

A VENDIMA

De cheo na vendima 2020 preguntamos polo remanente de produción e as previsións para este ano. Gómez conta que a añada do 2019 foi moi boa e que este ano esperan coller uns 300.000 quilos de uva. “Vai ser un ano bo de calidade e cantidade, pero haberá menos que no 2019. Seguiremos apoiando aos viticultores, imos coller todo como en anos anteriores”, comenta.

Entrada por onde chega a uva á adega / XdL

En relación aos traballos da vendima, que oficialmente na D.O. Ribeira Sacra comeza o vindeiro 16 de setembro, o responsable de Regina Viarum explica que eles comezaron esta fin de semana co godello e a recollida do resto de uva comezará previsiblemente o 16 ou 17 deste mes. En cando ás medidas de seguridade sanitaria Iván explica que cumprirán cos estándares e collerán dúas ‘cuadrillas’ de vendimadores que non se mesturarán entre elas nin co persoal da adega. “Serán grupos burbulla, como se di agora, e non estarán en contacto entre eles nin co persoal da adega, nin cos que están en liña de produción ni cos que se encargan do enoturismo”. Este ano tamén contan con facer xornada intensiva de mañá con horario de 8 a 16:00 h. e parada para almorzar.

FUTURO PRÓXIMO

Para rematar falamos de como cre que se irá recuperando o mercado para dar saída á añada 2019 e ao que se recolla agora na vendima do 2020. Iván Gómez amósase optimista: “espero a recuperación na hostalería, o consumo non irá rápido pero esperemos que nun ano mellore a cousa”. Como estratexias a presente e futuro conta con fortalecer as liñas de venda online, a exportación e seguir apostando polo enoturismo.

ÚLTIMAS

A historiadora Manuela Sáez dona ó Concello de Monforte unha réplica do busto do VII Conde de Lemos

A réplica deste busto foi doada por Sáez ó Concello de Monforte, e foi...

A Libraría Pelayo de Monforte presenta 3 libros este 23 de abril

A Libraría Pelayo de Monforte acolle este martes, 23 de abril, a presentación de...

A escritora quiroguesa Celia Díaz estará na ‘Diada de San Jordi’

Celia Díaz chega a Barcelona para vivir a experiencia de dar a coñecer as...

Completa fin de semana do Quixós en Portugal

O sábado 20 de abril competían en augas portuguesas, na II Copa Promoción Slalom,...