O Goberno local ten previsto articular unha nova liña de axudas extraordinaria dotada cunha contía similar á do ano pasado (25.000 euros) para actuacións no ámbito económico, mantemento da actividade económica e dos seus postos de traballo en negocios de empresarios/as e autónomos/as, ben por peche temporal ou por minoración ostensible da súa actividade.
Estas axudas serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente doutras Administracións ou entes, públicos ou privados, rexionais, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre e cando o importe total das axudas que se perciba non supere as perdas económicas derivadas da covid-19 e os gastos necesarios para adecuación de locais para a reapertura dos seus negocios.
Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas traballadoras por conta propia e as micropemes conforme a unhas bases que o Concello de Folgoso do Courel dará a coñecer nas vindeiras semanas, momento no que fará públicos tamén os detalles da convocatoria e o prazo de presentación de solicitudes.
O procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva. No 2020 o Goberno local concedeulle as axudas a todas as persoas que as solicitaron, un total de 11 autónomos e empresarios da localidade.