Encontro con asociacións agrogandeiras en Láncara

A deputada de Medio Rural da Deputación de Lugo, Mónica Freire, xuntouse con diversos colectivos da provincia e subliñou o papel esencial do sector primario fronte á pandemia. O acto celebrouse no Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (Muvicla), na parroquia de Trasliste en Láncara.

Foto do encontro en Láncara / Dep. Prov. Lugo

A Área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo reuniu as asociacións agrogandeiras máis importantes da provincia: ASOPORCEL -Asociación de criadores de raza porco celta; BOAGA -Federación de Razas Autóctonas de Galicia-,  OVICA -Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia- e PURAGA -Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega-.

O acto tivo lugar no  Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (Muvicla), no Concello de Láncara, enel fíxose balance das iniciativas emprendidas conxuntamente durante o último ano para paliar o impacto da crise sanitaria no sector.

No encontro, a deputada nacionalista Mónica Freire agradeceu ás asociacións beneficiarias destas achegas excepcionais “o seu compromiso inequívoco co agro e co proxecto vital das persoas que queren vivir no rural” e afirmou que “a pandemia puxo en evidencia as grandes debilidades do sistema e veu amosar a urxencia de reformular a política agraria seguindo estas orientacións”.

Lembrou tamén que “trátase dun sector que tamén sufriu e está a sufrir o impacto da crise sanitaria, social e económica desatada pola Covid 19, que reduciu as vendas á restauración e suspendeu feiras e eventos moi importantes para a promoción dos produtos, como é o caso da feira agrogandeira  ExpoLugo ‘A Rural’ que se celebra durante o San Froilán. Atendendo a este contexto e ás demandas que nos foron trasladando ao longo do último ano, desde a área de Medio Rural optamos por reasignar o orzamento destinado a este evento e priorizar o investimento en accións e gastos orientados á comercialización e á promoción e posta en valor dos seus produtos, a través de axudas excepcionais”.

No último ano a área de Medio Rural do organismo provincial xestionou axudas directas ao sector agrogandeiro da provincia de Lugo por un importe de máis de 400.000 euros.

Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria

O proxecto museolóxico, promovido por Marcos Vázquez Marey e integrado nunha casa de labranza en activo en Trasliste (Láncara), recibiu contou tamén co apoio da área de  Medio Rural a través dunha achega destinada a creación dunha exposición temporal onde se expoñen diversos exemplares de marcas de automóbiles de luxo -Aston Martin (David Brown), Lamborghini, Mercedes ou Porsche-, que comezaron a súa traxectoria sendo pioneiros na fabricación de maquinaria agrícola.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here