O evento, que este ano cumpre dezaoito edicións, vai pouco a pouco consolidándose no calendario de citas gastronómicas pero co valor engadido de ter como protagonista un produto autóctono que non abonda precisamente en Galicia.
O muíño de Bendilló, a poucos quilómetros de Quiroga no tramo da N-120 entre Quiroga e Montefurado, acolle o domingo día 20 unha demostración de elaboración de aceite ao xeito tradicional, tal e como se facía naqueles tempos co esmagado das olivas coa roda de pedra impulsada pola forza dun burro, posterior prensado nos capazos e filtrado final con auga quente.
O muíño en cuestión consta de pía para moer, mazo para prensar e decantadora; o edificio é unha construción de pedra e lousa con cuberta a unha auga, totalmente restaurado no 1993 polo Concello de Quiroga. Resulta difícil precisar a antigüidade que ten pero tense constancia de que este tipo de enxeños estea relacionado coa presenza dos romanos a partires do século II.
O concello e Quiroga organiza esta mostra do aceite, festa de interese turístico galego, e leva un control sobre a produción e a calidade do mesmo. Tal é así que o pasado once de maio fíxose a cata dos aceites inscritos no Museo Etnográfico Municipal de Quiroga para testar a calidade e idoneidade dos mesmos antes da posta á venda o domingo. Ademais, a todos os produtores permíteselle o uso da marca Aceite de Quiroga, marca rexistrada no seu día polo concello como garantía de calidade e para evitar fraudes. Este ano preséntanse á mostra seis colleiteiros.
Un dos colleiteiros é Pedro Soto Losada, cóntanos que leva uns oito anos recuperando oliveiras centenarias e plantando outras das variedades autóctonas brava e mansa no Ivedo, lugar da parroquia de Montefurado. Aproveitamos para preguntarlle máis cousas.
Que tal a produción deste ano?
Moi boa, a deste ano foi case o dobre que o ano pasado e non era de esperar dada a seca tan grande que houbo. A oliva deu bastante rendemento.
A recollida este ano foi moito máis cedo do habitual, non?
O normal é que se recolla en decembro pero este ano estabamos xa vareando en outubro e novembro. Algo fóra de lugar pero o cambio climático estase notando tamén nestas cousas.
Cal é o punto óptimo de recollida?
Se se quere calidade hai que collela cando non está moi madura. Entre verde e madura, cando ten unha cor como morada. Non se debe esperar a que estea negra e engurrada porque así baixa a calidade do aceite.
Cantos quilos de oliva fan falta para obter un litro?
Pois depende, depende do ano, da localización das oliveiras, do tempo… En calquera caso se falamos de media ponlle que uns 6 quilos.
Que calidade temos este ano logo?
Segundo dixeron no Concello de Quiroga despois da cata previa do aceite dos inscritos na mostra, a calidade deste ano é extraordinaria. Calidade “AOVE” (Aceite de Oliva Virxe Extra).
Cantos litros pensa levar á Mostra e a que prezo?
Levarei uns 100 litros e o prezo que temos todos os produtores inscritos está en 20 euros o litro. As xerriñas dun cuarto a 5 e o medio litro a 10 euros.
Programa de actividades
Ás 11:30 h. posta en funcionamento do muíño e comezo da demostración de elaboración tradicional do aceite. A continuación, amenizará o recinto o grupo de gaitas Alecrín.
Para as 12:00 h. está programada a cata comentada dos aceites participantes no interior da Capela das Farrapas, a carón do muíño.
Ás 13:15 h. actuación de danza e música tradicional a cargo do grupo de gaitas Alecrín e o grupo de danza San Martiño. Dende as 14:30 h. amenizará o evento o grupo de música tradicional O Recanto.
Haberá tamén postos gastronómicos onde poder comer, de produtos da zona e de artesanía.