Monforte foi durante moitos anos o punto ferroviario máis importante de Galicia. Unha presencia, a ferroviaria, que aínda está moi presente neste concello e que distintos gobernos quixeron recuperar tras a grave crise dos anos 80 que provocou emigracións masivas e forzosas dos traballadores do tren.
Para volver recuperar a grandeza ferroviaria de Monforte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, representantes do organismo Eixo Atlántico e diversos alcaldes do Noroeste reuníronse para abordar unha defensa común para a inclusión de Galicia e os seus portos no corredor europeo de transporte de mercadorías. Respecto diso, Núñez Feijóo subliñou que se trata dunha “reivindicación chea de sentido común” e mostrou o apoio “incondicional” da Xunta a esta demanda realizada polo Noroeste peninsular.
Con todo, e a pesar de que esta reivindicación sexa de “sentido común”, o ministerio non quere dar a súa confirmación. Unha reivindicación que para o rexedor de Monforte, José Tomé, é fundamental para revitalizar o concello e por iso pide que haxa compromisos “serios”.
Feijóo, pola súa banda, dixo que “nuns meses” se pedirá a Bruxelas que inclúa este corredor ferroviario para mercadorías dentro dos europeos, pois “se trata de pór en valor todas as mercadorías que poidan entra ou saír dos portos galegos“, así como captar fondos da UE. “É unha proposta que mellora todo o Noroeste español”, agrega.
VISIÓN DOS ALCALDES

A esta cita acudiron, entre outros, o alcalde do Barco, tamén presidente da Fegamp, Alfredo García, así como os rexedores de Monforte de Lemos, Ponferrada e Astorga. Alfredo García valorou este acto, xa que “todos os responsables políticos das cidades e as vilas polas que vai pasar no futuro este corredor necesitaban o compromiso inequívoco da Xunta e do apoio incondicional a este corredor“. “Por tanto témolo”, agradeceu.
O rexedor do Barco afirmou que “este é o primeiro paso”, pero despois deberán estar “todos unidos” para que “ese corredor sexa competitivo”. Pola súa banda, a alcaldesa de Ponferrada, Gloria Fernández Merayo, dixo que os rexedores quedaron “moi satisfeitos” de “este respaldo tan importante” ao proxecto e de “esta maneira de vertebrar” que “vai máis aló das particularidades de cada rexión”.