O Concello de Bóveda inicia as obras para a creación dunha nave para viveiro industrial de empresas no parque empresarial da localidade, na zona de Casas Novas. A actuación, que supón un investimento de 450.000 euros, está financiada ao 80% pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e o 20% restante será cuberto con fondos propios do Concello de Bóveda.
Cada vez mais, pequenos empresarios e autónomos demandan espazos non moi amplos, pero si con tódolos servizos que a tecnoloxía proporciona hoxe, e de dispoñibilidade case inmediata, a fin de poder formarse ofrecer os seus servizos á sociedade. Isto resulta complexo cando queren instalarse en pequenos locais comerciais clásicos pola cantidade e dificultade de acondicionamento dos mesmos.
O alcalde destaca, “a posición do Parque Empresarial con respecto da vía de altas prestacións Nadela-Monforte e os seus nós de enlace, que converten a este Parque nun polo de intercambio de mercadorías entre os diferentes operadores de transporte e de transporte lixeiro da comarca.”

O proxecto propón crear un espazo de formación teórico e práctico e de traballo compartido onde os diferentes actores de diversas profesións poidan desenvolver a súa actividade, optimizando recursos, dar a coñecer un negocio e crear sinerxías con outros profesionais.
O viveiro industrial ofrecerá espazos de traballo (despachos) con banda ancha en redes, sala de reunións, sala de conferencias, sala de reprografía, así como espazos formación individualizada ou conxunta, e tamén formación práctica, así como de intercambio de ideas.
O viveiro estará na súa totalidade en planta baixa. A entrada peonil efectuarase na parte máis ancha da nave. A esta planta tamén se poderá acceder en horizontal ao taller con vehículos. A zona de prácticas terá acceso pola mesma porta que os peóns dende o corredor que da acceso aos despachos, e tamén polas portas de acceso de material con vehículos.