A inversión na comarca de Lemos a través do programa Galicia Rural Emprende é de 445.000 euros, 375.000 para os proxectos de Monforte e 70.000 euros para unha inciativa no concello de Pantón.
Entre os proxectos emprendedores están a posta en marcha dun salón de peiteado canino que tamén comercializa artigos para animais de compañía, unha axencia de seguros con centro de atención telefónica e unha academia que ofrece clases de cociña infantil. Tamén serviu para a posta en marcha dun supermercado, dun centro de música e entretemento e dunha axencia de viaxes.
A axuda prevista neste programa consiste nunha prima única de 20.000 euros que pode incrementarse ata os 70.000 euros. Os beneficiarios terán dereito a obter un anticipo do 60% da axuda total. Nos próximos meses a Xunta espera a aprobar unha nova convocatoria deste programa.
Con este tipo de iniciativas preténdese apoiar aos emprendedores e ás pequenas e medianas empresas, ofrecendo recursos e instrumentos que melloren as posibilidades de éxito das iniciativas e a súa consolidación no mercado. Ao mesmo tempo, contribúese a fixar poboación nas zonas rurais e aumentar as oportunidades dos seus habitantes no eido laboral.