A estas axudas poderán acollerse os empresarios individuais e as pequenas e medianas empresas (PEME) que comezaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023. Entenderase como inicio de actividade a alta no IAE.
A contía prevista para estas subvencións ascende a 30.000 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros, non podendo superar o 50% dos gastos efectuados no período indicado. Cómpre destacar que esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade.
Para poder solicitar estas subvencións, entre outros aspectos, os solicitantes deberán ter o seu enderezo fiscal e social en Monforte, a actividade empresarial ten que ser de nova creación, as persoas promotoras deben estar en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo. Os autónomos poderán ser beneficiarios das axudas cando formen parte dunha comunidade de bens, Sociedades Civís ou constitúan unha Sociedade Mercantil.
O prazo para solicitar as subvencións é do 31 de outubro e ata o 30 de novembro. As solicitudes poderán presentarse, mediante modelo normalizado, no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica municipal ou por calquera outro medio previsto pola Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e dirixiranse á Concellería de Facenda, Réxime Interior, Servizos Sociais e Discapacidade do Concello de Monforte de Lemos. Toda a información no apartado subvencións da web.
Gastos subvencionables
A finalidade do Programa de axudas municipais á creación de empresas do Concello de Monforte é subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e do funcionamento da empresa durante os primeiros meses da actividade:
- Gastos de constitución: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos xerados no proceso de apertura e constitución da empresa: Visado, honorarios e gastos de proxectos técnicos; alta no Rexistro Mercantil.
- Existencias iniciais de mercadorías: serán subvencionables o 50% da adquisición de primeiras compras de mercadorías, de materias primas e doutros consumibles utilizados no proceso de produción.
- Gastos de aluguer de local, do vehículo industrial, de aplicacións informáticas e de equipos informáticos: serán subvencionables o 50% dos gastos de aluguer sempre que o elemento alugado sexa imprescindible para a realización da actividade da empresa.
- Primas de seguros: serán subvencionables o 50% dos gastos da contratación de seguros directamente relacionados coa actividade da sociedade (seguro do local, de responsabilidade civil e, como máximo, dun vehículo, só no caso de que sexa imprescindible para o desenvolvemento da súa actividade).
- Subministracións e gastos correntes: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos correntes derivados directamente da realización da actividade empresarial: Auga, teléfono, electricidade, gasóleo/gasolina, material de oficina, asesoría (só cotas mensuais), gas, equipos de seguridade nas súas instalacións (só cotas mensuais).