HomeEconomíaO Concello de Monforte destina 223.000€ á mellora da contorna da Pinguela

O Concello de Monforte destina 223.000€ á mellora da contorna da Pinguela

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou este mércores un proxecto cuxa execución suporá a mellora do entorno que rodea ás instalacións deportivas e ós edificios de vivendas da zona da Pinguela.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O proxecto ten un custe de licitación de 223.715,10 euros (IVE engadido), e o prazo de presentación de ofertas será de 26 naturais, estando aberto ata o luns, 1 de abril. A mesa de contratación para a apertura dos sobres administrativo e técnico será o luns, 8 de abril, e a mesa para a apertura da oferta económica celebrarémola o 15 de abril.

O Concello abordará así a mellora das vías, aparcadoiros e beirarrúas municipais situadas na contorna do Campo municipal de fútbol, o Pavillón polideportivo, a Piscina municipal e as Pistas de tenis.

O rexedor monfortino explicou que “este proxecto supón dar un paso máis na mellora da Pinguela, logo de que o pasado ano 2023 o Concello reformara o Pavillón Polideportivo Municipal, no que investimos case 4 millóns de euros, e que deron como resultado que teñamos un pavillón moderno, funcional, eficiente enerxeticamente, e que da resposta ás necesidades dos clubs e os nosos deportistas”.

Nova ordenación do tráfico e 35 prazas de aparcamento máis

O Alcalde monfortino explicou que “a reforma do Pavillón da Pinguela, fai necesario reordenar as circulacións e as prazas de aparcamento que dan servizo ás instalacións deportivas municipais, así como ós edificios de vivendas existentes na zona.”

No lateral-frontal da piscina, suprímese a entrada para reducir a velocidade de acceso e nese espazo situaranse 3 prazas de autobús e 2 prazas de discapacitados, dándolle continuidade á beirarrúa, plantando 3 árbores de sombra e colocaranse bancos. A actual entrada central, vaise converter na entrada e saída principal dende a rúa Sober, aínda que haberá outro acceso na zona máis próxima á Pinguela.

Polo que respecta á zona que bordea as pistas de tenis, habilitaranse dúas entradas e dúas saídas cara a rúa Sober no lateral da piscina, e unha entrada de nova creación, dende a rúa da Pinguela, no lateral coa instalación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Con esta nova ordenación, vai haber 263 prazas para turismos, 8 para discapacitados, 3 para autobuses e outras prazas para motos e bicicletas, cun total de 274 prazas para vehículos.

A actuación de mellora das vías deste entorno da Pinguela abranguerá unha lonxitude total de 420 metros, cun ancho medio de 21,05 metros. A superficie total de actuación será de 8.847 metros cadrados, preto dunha hectárea.

As obras de mellora consistirán no fresado do firme actual nas zonas necesarias, así como ó levantado da calzada para o rebaixe da súa cota noutras zonas, co obxecto de nivelar toda a zona. Levantaranse beirarrúas nas zonas necesarias e procederase á colocación dunha soleira de formigón para a posterior colocación de baldosas de formigón.

Unha vez secado o asfalto, pintaranse as marcas viais correspondentes e colocaranse sinais na contorna do paso de peóns elevado, así como bancos, papeleiras, árbores, pilonas para evitar que os coches aparquen en zonas non autorizadas, varandas de protección ó longo do pavillón, para que os vehículos non entren e aparquen nestas zonas peonís, e un aparcamento para bicicletas e motos.

Criterios de adxudicación e prazos

Os criterios de adxudicación serán:

  • Memoria técnica: 40 puntos.
  • Prezo: 40 puntos.
  • Ampliación do prazo de garantía: 20 puntos.

O prazo de execución da obra, unha vez sexa adxudicada e se asine o contrato e sexa asinada a acta de replanteo, está previsto que sexa de 2 meses.

“Creo que se trata dunha inversión moi importante, dun cuarto de millón de euros” subliñou José Tomé, “que sen dúbida mellorará o entorno das instalacións deportivas municipais ubicadas da Pinguela, que estará acorde co novo Pavillón polideportivo, e que dará resposta ós centos de usuarios que se achegan a estas instalacións cos seus vehículos, e que contarán con máis prazas de aparcamento e mellores accesos.

“Deste xeito”, concluíu o Alcalde, “seguimos a licitar a contratación de obras, servizos e subministros públicos, dentro dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas urbanas e da rede viaria de Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai preto de 9 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas, para que Monforte siga medrando en todos os aspectos”.

ÚLTIMAS

O músico Sergio Alba presenta “Dous rombos… pasa para a cama!”

O vindeiro 17 de abril, o intérprete con alma de cómico Sergio Alba, presenta...

Prohibidas as queimas forestais e agrícolas de particulares

Quedan fóra da prohibición as queimas prescritas que executa o Servizo de Prevención e...

Ata o 25 de abril pódense solicitar as axudas para a colleita en verde

Estas axudas están dotadas cun orzamento de 600.000€ do Fondo Europeo Agrícola de Garantía...

O Multiusos de Monforte acolle este 10 de abril a representación de “Mulleres que viven soas”

Representarase a obra, Mulleres que viven soas, da compañía Berrobambán, obra escrita por Paula...