InicioEconomíaCarlos González, o embaixador da gastronomía da Ribeira Sacra

Carlos González, o embaixador da gastronomía da Ribeira Sacra

Publicado o

- Advertisement -

O cociñeiro Carlos González naceu hai 33 anos en Monforte aínda que se formou academicamente en Vigo. Hai uns anos volveu vivir á súa terra natal para dar a coñecer a Ribeira Sacra polo mundo da mellor forma que sabe, cociñando.

Anos de experiencia e formación avalan a este home que, acostumado a unha gastronomía sinxela e de interior, nunca renuncio a amosar os pratos cos que se criou na súa casa, pero cun toque de modernidade e inspiración.

Como é a túa cociña?

A miña forma de cociñar é sinxela pero sempre adaptándome aos tempos actuais. Aínda que nacín na costa, de sempre na miña casa se tomou comida tradicional do interior posto que a miña familia é de Monforte.

Eu sigo reflexando esa empanada que podía facer a miña avoa pero con adaptacións.

Que sentiches cando comezaches a traballar en Monforte?

Que por fin volvera ás miñas orixes, vivir e facer o que sempre quixen. Non creo que sexa difícil de entender cando temos unas localizacións preciosas e unha materia prima que non lle temos nada que envexar a ninguén.

Na actualidade traballas no Restaurante Merenzao de  Cadeiras, Sober. Que tal a experiencia como cociñeiro nun miradoiro dos Canóns da Ribeira Sacra?

Eu estou encantado. Si é certo que o goberno deberíase de preocupar un pouco máis polo estado das estradas posto que moitos dos turistas que nos visitan comentan que aínda que chegar ata nós non foi doado, o esforzo mereceu a pena.

Na Ribeira Sacra temos unhas carnes, verduras, hortalizas e ata pan, do mellor. E dos viños xa non falamos. Con todos estes ingredientes traballar é moi agradable.

Como definirías o turista que consume os teus pratos?

É un turista de nivel medio-alto, moi activo en redes sociais e na internet, informado e sabe perfectamente o que quere comer e onde ten que ir  buscalo. Non mira prezo se non calidade e servizo.

Para min é todo un orgullo que me feliciten antes de marchar do local. Saen contentos e satisfeitos. É o mellor que che pode pasar para seguir traballando todos os días.

Cal é o teu segredo para o éxito?

Considero que o meu éxito radica en que, aínda que me adapto ós tempos actuais na cociña, os meus pratos nin teñen nomes imposibles nin tampouco ingredientes que a receita orixinal non os contemplase.

Loxicamente a isto hai que sumarlle moitísimas horas de traballo, de intentos imposibles e de constancia e aprendizaxe.

Hai pratos que a simple vista parecen moi sinxelos. Sen embargo, o que pouca xente sabe é que hai moitas horas de traballo detrás de cada un deles. Por exemplo, o caldo de verza que fago é o mesmo que facía a miña avoa cando eu era cativo. Pero para conseguir ese toque especial estiven tantas horas na cociña que semella unha parvada, pero unha pota de caldo lévame ó redor de seis horas facela.

Recentemente, estiveches traballando en Ecuador. Como foi a experiencia?

Moi boa. Fun como convidado do Forum Sabiduría Culinaria 9.0 organizado polo Instituto Superior San Isidro.  Alí déronme a oportunidade de amosar a miña cociña tradicional a través de relatorios onde o público estivo moi atento e entusiasmado.

O ano pasado incluíron o Restaurante Merenzao na Guía Repsol, fas relatorios a nivel mundial… podémoste considerar embaixador da Ribeira Sacra?

Non creo que se me deba de chamar así. A verdade é que todo o que levo conseguido ata agora é con moitas horas de esforzo, constancia e paixón polo traballo. Gústame presumir do que estou orgulloso e a miña terra é un dos meus maiores orgullos.

Como consideras que vai ser a época estival en canto ao turismo?

No que levamos de ano a afluencia de visitantes vai en aumento. Por exemplo, na ponte de maio estivo un tempo horrible e, sen embargo, os turistas viñeron vernos. Estamos creando un sinala de identidade cara os demais, eles queren ver as nosas paisaxes e comer os nosos pratos. Se chove, que chova.

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...