O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, destacou na presentación dos orzamentos “seguimos facendo historia, ningún alcalde aprobara os orzamentos en tempo e forma durante 10 anos consecutivos, como así o levamos facendo nós, para que os orzamentos entren en vigor a principios do ano entrante”.
A previsión de ingresos e de gastos do orzamento para o ano 2025 é de 17.802.794€, case 18 millóns de euros, o que supón un incremento con respecto ó ano 2024 de 1.416.458,04€ (en 2024 era 16.386.335,96€), é dicir, un 8,64% máis, “grazas basicamente á participación dos ingresos do Estado”.
INGRESOS
Os ingresos correspondentes á participación nos Tributos do Estado son de 5.746.040€, fronte ós 4.420.000€ de 2024, 1.326.040€ máis, o que supón un 30% máis.
Os Fondos de Cooperación cos Concellos da Xunta de Galicia aumentan só en 47.494,89€, “o que segue evidenciando que o goberno da Xunta de Galicia, outro ano máis, non ten intención de axudar a Monforte como se merece nin ós Concellos en xeral” subliñou o rexedor monfortino.
Os ingresos que merecen unha especial atención, debido a que algún deles aumentan, segundo a previsión dos servizos económicos en base á execución de este ano, son os seguintes:
- A partida correspondente ó IBI increméntase en 100.000€ con respecto ó ano 2024, cun ingreso previsto de 4.290.000€, un 2,3% máis, mantendo dende que chegamos ó Goberno, o mesmo gravame que había cos anteriores, sen incrementar nada. Estes ingresos son basicamente de edificacións que da de alta o Catastro, xa que o imposto segue sendo o mesmo.
- A partida correspondente á taxa de lixo, increméntase en 524.000 euros, pasando de 1.176.000€ en 2024 a 1.700.000 en 2025, un 45% máis, que é debido ó incremento do Canon de Sogama, que aumenta en 42€ por tonelada, pasando dos 66€ actuais ós 108€ en 2025, “e ímolo diferenciar no recibo, é dicir, igual que ocorre co recibo da auga, que por un lado figura o consumo e por outro lado o canon, imos facer do mesmo xeito co recibo do lixo, por un lado irá o que se pagaba ata 2024 e polo outro irá a suba de Sogama, para que os veciños e veciñas vexan a diferencia”, salientou o Alcalde.
- Polo que respecta á Piscina municipal, “como saben estamos nestes momentos levando a cabo as obras de mellora integral, polo que os meses que está pechada non cobraremos as taxas correspondentes ós seus usuarios”.
- Tamén se reflexa un incremento de 10.000€ correspondente ó imposto do 1,5% que deben satisfacer as empresas enerxéticas, de telecomunicacións e de gas.
GASTOS: Desglose por Capítulos
O Capítulo 1 corresponde ó persoal, e nel aumenta o gasto en 559.218,23 euros, un 10,75% máis, quedando a partida total en 5.761.303,60 €, fronte ós 5.202.085,37 € de 2024. O alcalde explicou que “esta subida corresponde ó incremento comprometido por este Alcalde que lles fala, para a aplicación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que por terceiro ano consecutivo se ve reflexado nestes orzamentos”. Tamén se reflexa neste incremento, a cobertura de postos que se atopaban vacantes, tendo especial relevancia o incremento na cobertura da plantilla da Policía Local.
No Capítulo 2, correspondente ó gasto corrente, a partida total é de 9.415.157,17€, fronte os 8.898.094,31€ de 2024, polo que increméntase en 517.062,86€, o que representa un aumento porcentual do 5,81%, debido principalmente á aportación de gasto para o SAF (un 2,5%), ou ó incremento do lixo, e dado que sube o IPC tal e como ven establecido no contrato, máis todos os aspectos sociais.
No Capítulo 4, relativo a subvencións e transferencias, a partida total é de 1.202.857,90€, fronte ós 1.185.076,58€ de 2024, polo que aumenta en 17.781,32€, o que significa un aumento do 1,50%, igual ó IPC, a incrementos en subvencións en deportes e en subvencións nominativas a entidades.
Nos Capítulo 6 y 7, o importe destinado a investimentos é de 1.206.014,80€, fronte a 1.014.079,70€ que tiñamos no ano 2024, é dicir, 191.935,10€ máis, un 19% máis, “un incremento moi significativo xa que o Concello de Monforte lévao a cabo con fondos propios”.
José Tomé amosou a súa satisfacción afirmando que “estes orzamentos para o ano 2025 apóianse en dous piares fundamentais que son os servizos sociais e as inversións. Queda claro que son efectivamente, sociais, porque o noso obxectivo son as persoas, e que todos os veciños e veciñas que o necesiten, teñan a seguridade de que o Concello vainos apoiar”.
Ademais conxélanse as taxas e impostos, e que non hai ningunha subida, a excepción daqueles servizos que están suxeitos a contrato e que teñen cláusula de actualización do IPC, como son a auga e o lixo..
O gasto social destinado para o ano 2025 na Axuda no fogar (SAF) ascende a 1.942.500€, fronte ós 1.894.033,64€ de 2024, 48.466,36€ máis, un 2,5% máis. O Executivo de José Tomé aumenta a partida de emerxencias sociais ata os 75.000€ en 2025, 15.000€ máis que en 2024 (60.000€), un 25% máis, “porque somos conscientes do que supón o aumento da inflación nos fogares onde se ven involucrados sobre todo persoas maiores e nenos”.
A partida de investimentos aumenta un 19%, unha parte deste investimento vai destinado a melloras e reposicións de vías urbanas, por importe de 350.000€. Inclúese a mellora do Polígono Industrial do Reboredo, coa aportación de 129.381,47€ para a nova EDAR. Respecto da Piscina Municipal, o Concello destina 150.000€ para equipamento, ximnasios, vestiarios, etc., e 100.000€ para a nova caldeira de calefacción e auga quente.
Para os gastos de actividades e da Feira Medieval contémplanse 180.000€ en 2025 un 33,33% máis. Tamén se incrementa nun 260% a aportación para o Festival do Viño, ata chegar a 180.000€. A aposta polas Festas Patronais é firme: “cun orzamento previsto en 2024 de 300.000€, tivemos que completalo con remanentes, polo que este ano o orzamento será de 450.000€ porque queremos que as nosas festas sigan sendo un referente, como conseguimos agora que sexan, e que Monforte estea cheo de xente”.
“Con estes datos, queda claro que estes orzamentos son os máis sociais da historia do Concello de Monforte e son uns orzamentos mellorados ano a ano, que nunca se estancaron, o que demostra que temos unha preocupación máis social, que queda explicitada nestes orzamentos, que é onde hai que demostralo aportando recursos”, destaca o alcalde.
As prioridades dos orzamentos presentados polo alcalde son, segundo explicou, a atención as persoas, a mellora da cidade, o deporte, a cultura e o medio ambiente. “Como se pode ver, son uns bos presupostos para Monforte e por todo isto, esperamos que o resto dos grupos municipais tamén apoien co seu voto este orzamento que levaremos ó Pleno do vindeiro luns 27 de novembro, uns orzamentos que, reitero, son bos para Monforte, e non hai razóns obxectivas para non apoialos, salvo si se busca o rédito político, que serán aprobados en todo caso, pola ampla maioría absoluta que nos outorgaron os veciños e veciñas de Monforte”, concluíu José Tomé.