HomeEconomía"A Monforte tocoulle a Lotaría coa inversión de 10M€ para a mellora...

“A Monforte tocoulle a Lotaría coa inversión de 10M€ para a mellora da rede de abastecemento”, asegura o alcalde, José Tomé

“Con esta inversión Monforte xa non terá ningunha tubaxe de fibrocemento conseguindo que practicamente xa non haberá avarías”, subliñou José Tomé, quen engadiu que “grazas a estas xestións que fixemos, o que parecía un soño, con este Equipo de Goberno, vai ser unha realidade.”

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, deu a coñecer unha nova “inversión histórica” para a cidade de Monforte, logo do “remate das xestións de xeito totalmente positivo, que concluíron co acordo do Consello de Ministros do día de onte, 17 de decembro de 2024”.

Trátase dun investimento de 10 millóns de euros para investir na mellora da rede de abastecemento de auga de Monforte que o Consello de Ministros do Goberno de España autorizou esta semana a través da Sociedad mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES).

“En moitas ocasións teño dito que Monforte vai ben, e que, aínda vai ir mellor, e pódese comprobar que isto que digo é certo. A racha positiva continúa coas xestións deste Alcalde e do meu Equipo de Goberno, e podemos dicir que a Monforte tocoulle a Lotaría coa inversión destes 10 millóns de euros.” salientou o Alcalde.

O anuncio deste investimento é froito de varios anos de traballo e de xestións intensas para acadar o obxectivo de renovar todas as tubaxes de fibrocemento que hai en Monforte, “porque teño moi claro cales son as prioridades de Monforte, e isto conséguese con moito traballo e ter capacidade de relación e de xestión coas outras Administracións que queren colaborar, como a Deputación Provincial de Lugo, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ou o propio Goberno de España”, subliñou José Tomé.

Despois da concesión desta axuda de 10M€ por parte do Goberno de España, agora dá comezo toda a tramitación administrativa para levar a cabo estas obras, tramitación que se levará a cabo entre ACUAES e o Concello de Monforte, a través dun documento que recolla as actuacións que hai que levar a cabo, e todo o condicionado das mesmas. O segundo paso é a redacción do proxecto, a aprobación do mesmo, a licitación das obras e a execución física do cambio das tubaxes. Estímase un período de entre 4 e 6 anos, dependendo do tempo da tramitación, dos servizos afectados, dos permisos de outros organismos e da climatoloxía.

Traballos necesarios

O Alcalde tamén explicou os traballos que haberá que levar a cabo en termos xerais e dun xeito moi resumido para a substitución das tubaxes de abastecemento de fibrocemento, e que son os seguintes:

  1. Instalación dunha rede provisional de auga potable.
  2. Demolición do pavimento e escavación de zanxas para a instalación das novas tubaxes.
  3. Retirada da tubaxe de fibrocemento, instalación da nova tubaxe, conexión, desinfección, limpeza e posta en carga.
  4. Recheo da escavación e reposición de firmes en baldosa, formigón ou aglomerado, segundo o caso.

O inventario das tubaxes de fibrocemento son 56,926 quilómetros, ós que lle hai que descontar 5,168 quilómetros da tubaxe xeral dende o Cornado ata San Vicente, actualmente en obras, para substituíla por unha tubaxe de fundición, co cal unha vez rematadas as obras da tubaxe xeral quedan pendentes 51,758 quilómetros, “algo parecido como ir de Monforte a Nadela”.

Finalmente o rexedor monfortino recordou a obras que se levan feito para substituír as tubaxes de fibrocemento. Neste senso, dende o inicio da concesión a Aqualia da rede de abastecemento, en 2001, o inventario das tubaxes de fibrocemento fai 23 anos era de 77,68 quilómetros e ata o 2016 cambiáranse 8,56 quilómetros, é dicir, que cada ano de media substituíronse 570 metros de tubaxes de fibrocemento. Dende 2016 ata a actualidade, incluíndo a nova tubaxe xeral, substituíronse en 8 anos, 17,362 quilómetros, é dicir, 2.170 metros de media cada ano, multiplicando por catro as obras que se fixeron anualmente no período anterior.

ÚLTIMAS

Sacrapastas recibe o selo de Galicia Calidade para os seus produtos

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xerente de Galicia...

O BNG inicia unha campaña de reivindicación do arranxo integral da N-540

O BNG inicia unha campaña de denuncia e reivindicación permanente do arranxo integral da...

A XXI Feira Medieval de Monforte presenta cartel e vídeo promocional

Monforte presenta a campaña promocional da vinteunha edición da Feira Medieval de Monforte, que...

Quiroga acolle o 5 e 6 de abril unhas xornadas formativas para para pilotos de parapente

Os vindeiros 5 e 6 de abril, a localidade de Quiroga converterase no epicentro...