Esta tarde presentábase en Monforte unha nova edición do “Estase Cocendo”, unhas xornadas gastroturísticas que exaltan o cocido e serven para dinamizar a hostalería do sur de Lugo. A organización corre a cargo da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería (APEHL) contando co apoio do Concello de Monforte e da Deputación de Lugo.
A presentación foi no Centro do Viño da Ribeira Sacra (Monforte) e contou coa presenza da Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada; do presidente da APEHL, Cheché Real; do Deputado provincial, Pablo Rivera Capón; de Paloma Vázquez, como representante da Xunta de Galicia; Ana Bernárdez representando ao IES Rio Cabe; a Directora da CPR Fundación Belarmino Fernández, Rebeca Vázquez; e outros membros da Corporación municipal e do sector da hostalería.

A Tenente de Alcalde de Monforte agradeceu e puxo en valor o traballo que a APEHL está a facer para conseguir que un ano máis esta iniciativa sexa un éxito. En palabras de Gloria Prada, “esta campaña gastroturística tradúcese nun impulso económico para Monforte e para a Ribeira Sacra”.
Este ano dende a organización do “Estase cocendo”, homenaxéase ao sector da hostalería. Neste senso, Gloria Prada considerou un acerto esta dedicatoria e dixo del que é “un dos piares básicos do sector terciario, do sector servizos, e tamén é unha peza clave dentro do sector do turismo”. Engadiu tamén que “os hostaleiros e hostaleiras son os embaixadores da nosa cultura gastronómica, cada prato que elaboran conta unha historia de tradición e sabor. Os hostaleiros son os mellores anfitrións, facendo que cada visitante se sinta como na casa”.
Pola súa parte, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, dixo que este evento “dinamiza toda a comarca da Ribeira Sacra”, salientando tamén a consolidación do “Estase cocendo” ao chegar á súa 17ª edición. Na súa intervención animou tamén á veciñanza de toda a provincia a achegarse á Ribeira Sacra a desfrutar destas xornadas nas que haberá tapas e menús de cocido nos diferentes establecementos participantes desde esta mesma fin de semana e ata a do vindeiro 6 de abril.