InicioEconomíaArtesanía do sur de Lugo lucirá no prestixioso Formex de Suecia

Artesanía do sur de Lugo lucirá no prestixioso Formex de Suecia

Artesanía Armaior e Olería Elías Rectoral de Gundivós formarán parte dos 44 obradoiros artesáns que representarán a artesanía galega en Estocolmo dentro da prestixiosa feira profesional de decoración Formex. O evento terá lugar do 15 ao 18 deste mes.

Publicado o

- Advertisement -

Formex Estocolmo é unha feira de interiores e deseño de gran sona internacional que se vén realizando dúas veces ao ano dende 1960. A feira de inverno ten lugar en xaneiro e nesta edición será do 15 ao 18. A media de expositores por evento está en 850 e as empresas que participan son destacadas marcas no mundo do deseño de interiores, moda e accesorios. A súa dimensión internacional fai que sexa un encontro de vendedores e compradores locais e internacionais, axentes, deseñadores e medios informativos especializados na industria do deseño de interior e do agasallo. A media de visitantes é de 23.000 sendo ademais unha ocasión moi interesante para estar en contacto coas últimas tendencias, coñecer a profesionais na materia e incluso asistir a conferencias.

Por todo o anterior, a Fundación Pública Artesanía de Galicia non pode faltar e desembarcará este ano en Estocolmo cun gran stand no que 44 artesáns galegos amosarán as súas mellores creacións.

No sur de Lugo podemos chufar de estar representados por Artesanía Armaior da Toca, en Quiroga, e Olería Elías de Gundivós, en Sober

En Artesanía Armaior son especialistas na fabricación artesanal de utensilios de cociña e decorativos exclusivamente con madeira de oliveira. As súas creacións son moi apreciadas en feiras temáticas e dun tempo a esta parte tamén moi solicitadas na hostalería, contando con restaurantes galegos e chefs da alta cociña galega como clientes. Teñen o obradoiro e unha tenda no lugar da Toca, en Quiroga e o pasado ano Xornal de Lemos tivo ocasión de entrevistalos.

O outro representante do sur de Lugo no Formex será Elías González, un coñecido artesán oleiro de Gundivós. No seu caso, destaca por manter a tradición dunha olería única en Galicia que ten o seu berce nesta parroquia de Sober. As principais características desta olería sempre foron a súa cor negra e que as pezas que ían estar en contacto co viño impermeabilizábanse con pez.

Elías González, olería de Gundivós. Fonte: Carlos Rueda

O procedemento, único na cerámica galega, consiste en traballar a arxila coas mans e cun torno baixo, cocendo a continuación as pezas no forno de leña para despois impermeabilizalas con resina de Piñeiro e derretendo esta pez con lume de carqueixa. Este proceso final fai que as pezas queden afumadas e teñan ese negro característico. Antes só se facía coas pezas que tiñan que levar líquidos pero actualmente dáselle esa cor negra a todas aproveitando este trazo distintivo. Tradicionalmente, a cor das pezas que non se impermeabilizaban era rubio.

Elías mantén vivo este oficio e, fiel á tradición, traballa co torno baixo e a man peza a peza. Unha das máis características é o “Xarro” coa súa cor negra e os característicos “bincos” e “bigotes”.

Impermeabilización do ‘Xarro’. Fonte: coladodovento.blogspot.com

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...