Esta modificación do acordo conta con todos os informes favorables e suporá “unha mellora substancial no saneamento e depuración da principal área empresarial da nosa cidade”, explica o rexedor, polo que será sometida á aprobación por parte do Pleno da Corporación na sesión ordinaria que se celebrará este luns, 23 de febreiro.
A construción da nova depuradora, actualmente en fase de execución comezou cunha colaboración por importe de 4.708.154,36€, dos que 4.001.931,21€ correspondían á CHMS, que asume o 86,65% da inversión, e 706.223,15€ ao Concello de Monforte, que se fai cargo do 13,55% restante. Con esta modificación do convenio, a renovación de todo o saneamento do Polígono Industrial do Reboredo suma 930.000€, polo que a inversión total ascende a 5.638.154,36€ , dos que 4.885.431,21€ corresponden á CHMS, e 752.723,15€ ao Concello de Monforte.
A addenda de modificación e prórroga do convenio proposta para a súa aprobación no pleno do luns ven motivada pola necesidade de executar unha obra complementaria á prevista no proxecto. Esta novidade consiste na construción e mellora da rede separativa de augas pluviais e augas residuais no conxunto do polígono empresarial do Reboredo, así como a súa desconexión da EDAR. Tamén se amplían nun ano as anualidades previstas no convenio, estendéndose o prazo de execución ata 2027.
O Alcalde, José Tomé, recalca a “importancia desta inversión, que suporá unha mellora aínda máis significativa no saneamento e depuración do Polígono do Reboredo, xa que o sistema separativo de pluviais e residuais é fundamental para optimizar o tratamento das augas e previr a contaminación”. As obras, indica, “consistirán na instalación de redes independentes para pluviais e residuais mediante dúas tubaxes paralelas en cada rúa do Polígono, producindo unha maior eficiencia da depuradora”. A posta en marcha da nova EDAR, subliña, “vai supoñer un antes e un despois no nesta zona industrial de Monforte e, polo tanto, no crecemento da actividade económica e do emprego”.
Características da nova depuradora
A nova infraestrutura poderá funcionar por módulos para que a calidade da depuración sexa a establecida nos parámetros que marca a normativa. Así mesmo, vai ter posibilidade de ampliación, xa que estará dispoñible a parcela colindante, na que está emprazada a actual depuradora. “Esta actuación contribúe tamén á mellora medioambiental, xa que as augas depuradas vanse entubar dende a saída da depuradora do polígono ata a depuradora de Piñeira, sen ningún vertido, o que significa que o regato do Carballo volverá a ter vida, recuperando o seu estado orixinal”, salientou José Tomé.
Prevese que trate 1.000 metros cúbicos diarios de residuos e, ademais, está preparada para tratar residuos específicos, como poden ser os lácteos. Executarase tamén unha condución de desaugadoiro (emisario) desde a nova EDAR ao Río Cabe, de máis de 1,5 km de lonxitude.
A nova infraestrutura deseñouse con dúas liñas construídas, coa posibilidade de ampliación mediante outra liña de tratamento, podendo dispoñer dun terceiro reactor biolóxico máis un terceiro decantador secundario. O pretratamento e liña de lodos xa quedan deseñados para acoller o caudal previsto coa ampliación.

