A Xunta convocou as axudas anuais ás asociacións de comerciantes para dinamizar o comercio local, dotadas cun orzamento de 2,5 millóns de euros. As entidades da provincia poden solicitar estas axudas ata o 12 de marzo. Están destinadas a financiar campañas promocionais – mínimo seis ao ano – para animar aos consumidores a mercar nas tendas locais-; accións de fidelización da clientela ou actividades formativas, tales como congresos, talleres, networking ou outro tipo de xornadas orientadas a mellorar a cualificación profesional dos socios.
Na anterior convocatoria, a Xunta concedeu un total de 350.000 euros en axudas a sete agrupacións lucenses do sector para dinamizar a actividade comercial nas súas respectivas áreas. Ademais da agrupación sarriá, resultaron beneficiarias ACISA Ribadeo, CCA de Foz, CCU de Monforte de Lemos, Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, a asociación de empresarios de Chantada e o colectivo Sete Pontes de Vilalba.
Os investimentos máximos subvencionables establécense en tres tramos: ata 65.000 euros para CCA con 100 ou máis comercios asociados; ata 55.000 euros para aqueles con entre 70 e 99 negocios; e ata 40.000 euros para os que conten entre 50 e 69 establecementos adheridos.
A intensidade das axudas poderá oscilar entre o 70 % e o 90 % dos gastos. Para fixar as contías valóranse aspectos como o carácter innovador das campañas, a súa capacidade para atraer nova clientela e incentivar o consumo, así como a existencia dun plan de difusión das accións de que leven a cabo.

Comercio Sarria / Delegación Territorial

