A nova xornada entrará en vigor o vindeiro 1 de outubro, unha vez finalice o actual horario de verán, que permanecerá vixente ata o 15 de setembro. Deste xeito, a implantación da xornada de 35 horas realizarase coincidindo practicamente co inicio do horario ordinario de inverno.
O acordo aprobado será presentado este mércores na reunión da Mesa Xeral de Negociación, órgano no que están representados o Goberno municipal e as organizacións sindicais, para dar conta da súa aplicación e abordar os aspectos organizativos necesarios para a súa posta en marcha.
Esta medida adopta as previsións recollidas na normativa estatal publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), pola que se establece a xornada ordinaria de traballo de 35 horas semanais para o persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado, facilitando a súa aplicación no resto de administracións públicas. “Este Equipo de Goberno quer implantar para o persoal municipal as mesmas vantaxes laborais dos funcionarios do Estado”, indica o rexedor.
“Decidimos adaptar a organización do Concello a esta medida, que supón unha mellora das condicións laborais do persoal municipal, mantendo en todo momento a prestación dos servizos públicos e a atención á cidadanía”, conclúe Tomé.

