A Xunta de Goberno Local aprobou a pasada semana, a concesión das axudas destinadas á adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso escolar 2026/2027, das que resultaron beneficiarias un total de 189 persoas.
En todo caso, e coa idea de dar a maior cobertura posible, o alcalde apunta que “se algunha familia, por estar fora de prazo ou porque non tivo información sobre a convocatoria, quedou fora do programa, pode acudir aos Servizos Sociais do Concello e a súa petición será valorada, podendo ser atendido ata esgotar o crédito dispoñible”.
Tal e como establecían as bases da convocatoria, as axudas están destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado no curso 2026/2027 en educación infantil (3-5 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.
As contías serán aboadas aos beneficiarios mediante a entrega dun vale, que será único por cada solicitude e estará selado e asinado pola Concelleira de Servizos Sociais. Os vales entréganse desde este mércores, 26 de agosto, na Secretaría do Centro de Servizos Sociais do Concello de Monforte de Lemos.
Deste xeito, a persoa beneficiaria deberá acudir á Secretaría do centro de Servizos Sociais do Concello, no Paseo do Malecón, para retirar o vale da axuda concedida no prazo de 1 mes desde a publicación da resolución de concesión. No caso de non retirar o vale no prazo establecido entenderase que existe unha renuncia tácita e procederase a anular o vale. Do mesmo xeito, anularanse os vales cando se presente a renuncia expresa.
No caso do alumnado pendente de matrícula en setembro a entrega do vale estará condicionada á presentación do certificado de matriculación no curso 2026/27. Unha vez que a persoa solicitante este en posesión do vale, poderá adquirir os libros e material escolar nas librarías de Monforte de Lemos, a súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento, e cun prazo máximo ata o 30 de setembro de 2026.
A persoa beneficiaria deberá identificarse para usar o vale e, no caso de extravío tanto pola persoa beneficiaria coma pola libraría, non se expedirá un novo vale. Se o importe dos libros e/ou material escolar adquirido é inferior ó valor do vale, o persoal do establecemento deberá establecelo na factura correspondente ao interesado que emitirá o Concello de Monforte de Lemos facendo constar o número de vales e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza; se o importe do gasto fose superior ao do vale, o persoal do establecemento emitirá a factura polo importe do vale e a diferenza será facturada á persoa solicitante. O Concello soamente asumirá a contía establecida no vale.
Os establecementos deberán presentar as facturas a nome da persoa beneficiaria acompañadas dos vales correspondentes no Rexistro Xeral do Concello de Monforte de Lemos emprazado na Praza de San Antonio s/n de Monforte de Lemos antes do 31 de outubro do 2026 co fin de que a Comisión de Avaliación promova a conformidade das facturas e se proceda ao seu pagamento polos servizos de Intervención municipais.

