O Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte convoca para o próximo 26 de novembro unha Asemblea Xeral Extraordinaria de carácter electoral, co obxectivo de renovar a súa Xunta Directiva e dar continuidade ao traballo da asociación. A convocatoria chega tras varias reunións e conversas cun grupo de socios que, desde a asemblea do pasado 29 de outubro, está a traballar na formación dun novo equipo e trasladou o compromiso de presentar polo menos unha candidatura.
Este paso abre unha perspectiva favorable para o futuro da entidade, despois de que nas eleccións convocadas en xaneiro non se presentase ningunha candidatura. Desde entón, a actual Xunta Directiva, presidida por María Núñez Martínez, propietaria das tendas Nuvé Olá e FYM Moda, continuou en funcións para manter a actividade e facilitar o relevo.
O CCU agradece a implicación das persoas que están a dar este paso, “esencial para que Monforte siga contando cunha asociación que represente o comercio local, defenda os seus intereses e impulse actividades de dinamización. A renovación debe permitir avanzar canto antes na planificación do novo exercicio da entidade, iniciado o pasado 1 de novembro e correspondente a 2027, e afrontar a proximidade dunha campaña tan relevante para o sector como a de Nadal”.
A convocatoria coincide cos catro anos da actual Xunta Directiva á fronte do CCU, incluído o período no que permaneceu en funcións á espera de relevo. Neste tempo, o traballo desenvolvido en coordinación coa xerencia permitiu “cancelar a débeda bancaria, pechar o mandato con superávit acumulado e mellorar os ingresos procedentes das administracións públicas”. Entre os resultados destaca a consolidación do programa de dinamización comercial do CCU entre os mellor valorados de Galicia nos últimos anos polos técnicos da Dirección Xeral de Comercio. Durante esta etapa tamén se actualizaron as cotas, que pasaron de 10 a 15 euros mensuais tras máis de quince anos sen incrementos. “A medida supón un primeiro avance para reforzar os ingresos propios e a sostibilidade da entidade”, conclúen.

