A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto técnico e a adxudicación do contrato de obras para a mellora dos accesos ao núcleo de Souto, en Guntín. A actuación ten por obxecto a renovación do firme de varias vías municipais na parroquia de Guntín. As vías incluídas nesta actuación forman parte da rede viaria municipal e suman un total de 260 metros, cun ancho medio de 4,66 metros e unha superficie de 1.214 m2. O paso do tempo, a presencia de auga en determinadas zonas e o elevado uso dalgunha destas vías fai necesaria unha actuación completa de renovación do firme.
As obras proxectadas contemplan o rebaixado do firme actual nos puntos que sexa necesario e recheo con zahorra, barrido do firme na zona de actuación, colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente e posterior recalque de tapas de arquetas. Nas zonas nas que se execute a base de zahorra colocarase unha primeira capa de aglomerado, previa á capa definitiva.
Finalmente, procederase ao pintado das marcas viais, símbolos e cebreados e colocaranse sinais de STOP nos dous cruces nos que non existen.
Esta actuación dá continuidade ao plan de investimentos en infraestruturas presentado na pasada primavera e que supón un investimento global de 1.059.733,23 euros en 10 proxectos que teñen por obxectivo mellorar a mobilidade e seguridade viaria de Monforte. Estas actuacións supuxeron a renovación integral en vías urbanas e rurais, algunhas das cales son arterias principais de comunicación na cidade como a Avenida de Galicia, Rúa Chantada e Rúa Calvo Sotelo.

