HomeEn profundidade“O comercio local sobrevivirá, estou convencido”, Juan Carlos González, presidente do CCU...

“O comercio local sobrevivirá, estou convencido”, Juan Carlos González, presidente do CCU de Monforte

Estamos asistindo a unha visión xeneralizada de que o comercio de proximidade esmorece pero vemos tamén casos de negocios que sobreviven e que se adaptan ás dificultades. Falamos co presidente do Centro Comercial Urbano de Monforte, asociación que traballa arreo para apoiar e dar ferramentas aos comerciantes para competir no novo escenario global e con novas tendencias de consumo no que vivimos.

Publicado o

- Advertisement -

Juan Carlos González López é fillo de emigrantes galegos en Barcelona, alí naceu -no 1978- e iniciou a súa formación académica rematando estudos de FP en electricidade e electrónica. Desde o ano 1997 reside en Monforte de Lemos, cidade de orixe dos seus pais.

Os seus primeiros pasos como emprendedor remóntanse ao ano 1999 e desde entón traballa como autónomo acumulando a día de hoxe máis de 18 anos de experiencia no sector da alimentación, sendo a súa especialidade o mercado de impulso. Na actualidade ten 4 tendas, dúas delas en Monforte, Lambetadas e Party Globos.

Entrou como socio do Centro Comercial Urbano de Monforte no ano 2014 e desde mediados de 2017 forma parte da directiva da asociación. Alcanzou a presidencia o 27 de novembro de 2019 despois de coller o relevo de María José Senra Sánchez. Falamos con el sobre a asociación e os retos do comercio de proximidade.

O comercio debe estar asociado e por que?

Si, claramente si. Ou estamos todos a unha ou por separado non podemos facer nada. Hai que estar unidos para ter forza.

Contento co funcionamento do CCU dende que formas parte del como socio, no ano 2014?

Sempre estiven contento. Vin desde o principio que a directiva era moi activa, moi dinámica e que se facían moitas cousas. Chamoume a atención positivamente que xente fixera cousas polo pobo, polos demais e sen cobrar nada a cambio, non é doado atopar xente así. Funme implicando cada vez un pouco máis e chegamos ao 2017, ano no que Ángel me animou a entrar na directiva.

“Chamoume a atención positivamente que xente fixera cousas polo pobo, polos demais e sen cobrar nada a cambio, non é doado atopar xente así”

Falar dos retos do comercio local é xa un tema recorrente, haberá comercios que sobrevivan, cales e grazas a que?

O comercio local sobrevivirá, estou convencido. E despois de ler un artigo na revista dixital puromarketing.com que leva por título “El comercio de proximidad renacerá como el Ave Fénix” aínda o teño máis claro. Os negocios que se especialicen, que sexan moi profesionais e expertos no seu aplicando e sacando o maior proveito das novas tecnoloxías sobrevivirán. Hai que aproveitar o bo da tenda física e combinalo coas vantaxes das novas tecnoloxías.

Juan Carlos González / XdL

Son as grandes plataformas de comercio electrónico o gran inimigo do comercio local, sobre todo nos prezos e na loxística?

Non se debe competir coas grandes plataformas comerciais e menos no prezo, non podemos nin nos interesa. Temos que competir no valor engadido, no valor diferencial e tender á especialización. Hai que conseguir que aínda que o consumidor pague máis non teña a sensación de que é máis caro. Como comerciante creo que resulta moi importante “solucionar”, darlle solucións personalizadas e rápidas ao cliente, por aí podemos competir, a satisfacción de que unha persoa se vaia contenta e repita como comprador é fundamental.

“Hai que conseguir que aínda que o consumidor pague máis non teña a sensación de que é máis caro”

Mercas en internet? Que e por que?

Si, creo que todos o facemos pero intento mercar o 90% no comercio local. E cando digo que merco en internet que conste que tamén se pode mercar por internet aos comercios de Monforte. Recorro a internet cando non me queda outra, cando non atopo o que busco nos comercios de Monforte.

“Recorro a internet cando non me queda outra, cando non atopo o que busco nos comercios de Monforte”

Que se está facendo ben no CCU e que cres que se pode mellorar en adiante?

Coido que se está traballando ben en xeral, que hai boa base. As campañas están funcionando ben, a atención e comunicación cos socios e socias está funcionando cada vez mellor, a comunicación coa prensa tamén co cal a xente sabe o que facemos, temos formacións e cada vez máis especializadas…

Mensaxes nas rúas nunha das campañas de concienciación do CCU. Foto: Ángel

E para mellorar pois precisariamos ter máis medios humanos e económicos para facer máis cousas, e por parte dos socios e socias poñerse as pilas e non ter medo a internet, non velo como inimigo. Se montamos unha web ou perfís en redes sociais, que creo que hai que telos como antes había que ter unha tarxeta de visita, cómpre dinamizalos e pensar que con traballo os resultados chegan, pero nunca instantaneamente.  E outra cousa importante, creo que falta orgullo, orgullo de formar parte do CCU. Gustaríame que o CCU fose como un club do que presumir por pertencer a el, non lle damos o valor que realmente ten.

“creo que falta orgullo, orgullo de formar parte do CCU”

Cres que segue funcionando o intercambio comercial entre ‘veciños/as de negocio’?

Si, séguese levando. Cando alguén che merca algo miras tamén de mercarlle a el cando se dea a ocasión. Creo que se segue facendo como antes. O importante é non verse como inimigos, a competencia ben entendida é boa e se lle vai ben ao veciño tamén che pode favorecer.

Como presidente, como ves as accións do CCU a futuro?

A idea é ter unha liña continuista, as cousas estanse facendo ben. Estamos tendo reunións semanais co que iso significa en tempo dedicado, reunións que ademais alónganse horas pero das que esperamos sacar mellores ideas, detectar problemas e buscarlles solucións, mellorar campañas e adaptar o que fagamos cada vez máis ás nosas necesidades. Creo tamén que resultará moi importante ‘subirse ao tren da Ribeira Sacra’. Hai que contar cos visitantes, turistas e xente da contorna, que son e serán tamén clientes nosos. Sabemos que é inevitable que xente de Monforte se vaia fóra de fin de semana, co cal temos que buscar que veña xente de fóra.

Creo tamén que resultará moi importante ‘”subirse ao tren da Ribeira Sacra”

Seguiredes apostando pola organización de grandes eventos para incentivar as visitas e o consumo?

Claro que si. Os grandes eventos traen moita xente de fóra e móvese moito o consumo. A pista de patinaxe, e sobre todo a tirolina, o tren de Nadal e a Feira de oportunidades son eventos que funcionan moi ben e que seguiremos potenciando.

O Tren de Nadal para ver a Papa Noel. Foto: CCU

ÚLTIMAS

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...