HomeEn profundidade'Arribeirados', a experiencia personalizada de coñecer a Ribeira Sacra en grupo

‘Arribeirados’, a experiencia personalizada de coñecer a Ribeira Sacra en grupo

Coñecemos, da man do colectivo Segredos de Pantón, esta iniciativa que dá a coñecer este recuncho do mundo dende a paixón dos seus promotores, Edi e Nando.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Edi Salgueiro Sexto naceu en Vigo, é licenciada en Filoloxía Hispánica e traballa na actualidade como administrativa. Fernando García Alonso, ‘Nando’, naceu en Tui, é licenciado en Ciencias Económicas e traballa na actualidade tamén como administrativo.

Os dous son promotores da empresa “Arribeirados”, unha axencia de viaxes especializada en ofrecer servizos turísticos na Ribeira Sacra. A súa sede está en Acedre, no Concello de Pantón, na casa materna de Edi.

Segredos de Pantón achégase a esta historia e realiza esta entrevista.

Para comezar coa entrevista, cal é a vosa unión persoal con este recuncho de Pantón que é a parroquia de Acedre?

Nando: A vinculación de “Arribeirados” con Acedre é por parte de Edi, filla de Edi, natural de Acedre, e de Pedro, natural de Santiago de Compostela.

Edi: Dende moi pequena, vivindo en Vigo, viñamos pasar as vacacións a Acedre. Desta época nace o meu amor pola miña terra. E dende hai case 30 anos Nando máis eu vimos moitas veces a pasar fins de semana e vacacións coa nosa familia de Sernande. E, como non puido ser doutra maneira, namorouse disto.

“Dende moi pequena, vivindo en Vigo, viñamos pasar as vacacións a Acedre”

Como naceu este proxecto? Cales foron as vosas motivacións?

Dende sempre tivemos a inquedanza de buscar un recuncho. Pero non só queriamos desfrutar nós do que acababamos de atopar, senón que sentiamos a necesidade de amosar o que atopabamos aos demais. Así xurdiron as nosas saídas, ben con amigos, ben con familiares, ben sos, para buscar, atopar e desfrutar da zona.

Un día que nos atopabamos na ponte de Belesar, chamounos unha curmá que vive en Mallorca, a cal estaba cun grupo de amigos facendo enoturismo pola Rioxa. Fixemos un vídeo do que estabamos a contemplar e a nosa curmá amosoullo ós seus compañeiros, quedaron abraiados e preguntaron se podiamos prepararlles unha viaxe para poder visitar a Ribeira Sacra.

Estivemos un ano preparando unha ruta de 4 días para un grupo enolóxico de 19 persoas. Durante ese período coñecemos máis miradoiros, visitamos románico da man de “Máis que Románico”, fixemos todos os percorridos de catamarán, recorremos todas as estradas para comprobar que puidese circular un microbús de 22 prazas, fomos de restaurantes para probar os seus pratos e comprobar que as instalacións fosen as idóneas, visitamos os museos da zona, repetimos varias veces no Ecomuseo de Arxeriz. Foron 12 meses moi intensos. A viaxe estaba programada para finais do mes de xuño do 2019, no mes de xaneiro presentamos a nosa proposta de ruta e esta foi aceptada.

Tivemos, porque nós tamén nos incluímos, unha experiencia de 4 días que foi impresionante. Quedaron marabillados coas paisaxes, as sendas, a auga, os viñedos, a comida -a cantidade da comida-, e amosaron a súa compracencia por como descorrera a experiencia, o equilibrio acadado entre as experiencias que lles presentamos e non ter que preocuparse por nada.

Co grupo ‘Agoserats’ no Miradoiro da Capela. Foto: Arribeirados

Tras esta experiencia puidemos comprobar que a nosa necesidade de amosar o que amamos a todos era compatible con poder pensar que podiamos vivir diso, pero para iso tiñamos que dar un paso ao fronte e crear unha axencia de viaxes.

Que vai atopar de diferente unha persoa se contrata o vosos servizos?

Todos os que somos de aquí, sabemos que as distancias son curtas pero o tempo que leva percorrelas é longo. Os que veñen coñecer a Ribeira Sacra pensan que poden abarcar a Ribeira nun día… iso é imposible!.

O carácter diferenciador é preparar paquetes con todo incluído: comida, transporte (con recollida e volta a calquera punto de Galicia), estadía con almorzo nos mellores hoteis da zona, visita con cata a adegas, visitas guiadas con profesionais do románico, paseo fluvial, miradoiros, estradas con encanto, rodeiros de sendeirismo, museos etnográficos, visitas a artesáns. Non van ter que preocuparse de nada, só de sentir e vivir a Ribeira Sacra.

“Os que veñen coñecer a Ribeira Sacra pensan que poden abarcar a Ribeira nun día… iso é imposible!”

Son experiencias personalizadas, preparadas para un grupo de persoas determinado que o que busca é poder alcanzar a coñecer e comprender o que significa a Ribeira Sacra. E sobre todo que sempre estarán acompañados por nós, xa que somos os seus anfitrións na Ribeira Sacra.

Co grupo ‘Agoserats’ nunha adega de Sernande. Foto: Arribeirados

Que plans ou paquetes son os que máis vendedes á vosa clientela?

Os máis demandados son os de 3 ou 4 días. Xa que a maioría da xente que acode a nós é xente de fóra de Galicia. Os que son de Galicia solicitan rutas para dous días.

Sendo das ribeiras do Cabe, tendes algunhas rutas para amosar este río tan descoñecido?

A ruta que máis nos gusta para coñecer o Cabe é a baixada ao apeadeiro de Areas dende Acedre, é un percorrido de case 4 quilómetros de ida e volta.

Outro percorrido que nos gusta facer para ver o río Cabe, esta vez no coche, é baixar por Acedre ata San Román, e de alí ata o cemiterio para coller a man esquerda e ir ata a ponte de Areas. Cruzamos a vía do tren, con sentidiño, e subimos a Sober para buscar as vistas que podemos contemplar do Cabe dende o recén feito miradoiro da Pena do Conde ou da Barca, pobo onde o Cabe entrega as súas augas ao Sil.

Edi e Nando no Cotillón. Foto: Ribeirados

Dentro do noso territorio que paraxes ou monumentos son os vosos preferidos?

Do Concello de Pantón é moi difícil poder cinguirnos a un só monumento ou a unha soa paraxe, pero destacaríamos do románico: San Miguel de Eiré, Igrexa románica do S. XII que nos encanta pola súa torre-campanario. E non queremos deixar atrás, por motivos sentimentais e porque o merece: San Fiz de Cangas, pequena igrexa de finais do S. XII cun precioso e orixinal tímpano, uns canzorros moi fermosos e unhas licencias do canteiro que non teñen desperdicio.

“Do Concello de Pantón é moi difícil poder cinguirnos a un só monumento ou a unha soa paraxe”

Das paraxes quedámonos con: Pena Pombeira, asómbranos coa súa visión do río Sil, os barrios de Pombeiro e cenobio de Santo Estevo de Ribas de Sil, a senda da Fervenza de Augacaída, xa non sabemos cantas veces a fixemos…

Pero non todo son monumentos nin paisaxes, para nós o máis salientable da nosa terra son as xentes que a habitan que son quen de transmitir todo o amor e o respecto que teñen por esta terra… son un valor engadido, seguro.

ÚLTIMAS

Clausúrase o Programa Integrado de Emprego de Chantada, mentres está en marcha unha nova edición para 100 persoas desempregadas

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiará con 220.000 euros un novo Programa...

Falece a ‘avoa’ de Galicia con 111 anos en Monforte

A 'avoa' de Galicia, Genoveva Rodríguez Otero, faleceu aos 111 anos de idade en...

“Querémonos vivas, di non á violencia”, o Concello de Chantada presenta a campaña para visibilizar o 25N

A campaña de sensibilización do Concello de Chantada, que foi presentada pola concelleira de...

Monforte investirá 100.000€ en recuperar a histórica rúa Vella

A construción desta rúa pode datar do século XII, e probablemente ideouse para comunicar...