TIAM Gz naceu no verán do 2018 despois de que 4 amigos de sempre: Torozas, Iagueiro, Alessov e Mr. Mati -xuntade as iniciais de cada un e xa saberedes de onde vén o nome da banda- decidiron mercar un micro e gravar de xeito caseiro unhas letras moi reivindicativas e poñerlles melodía de rap. Recoñecen que este xénero musical é o que máis os representa porque permite máis liberdade de expresión ao que canta e convida á reflexión e ao pensamento ao que escoita.
Despois de meses de mesturas e probas, deron sacado en outubro de 2018 a mixtape “Cantigas”, composta por tres temas: “Escarnio”, “Amigo” e “Amor”. En marzo do 2019 sacaron o seu seguinte single: “Akelarre” e a partir de entón comezaron a chegar as primeiras propostas de directos no que foi un gran ano de relanzamento. Neste mesmo ano chegou “Arabic” (regetón combativo) e“Entropía”, este segundo tema moi recoñecido na comunidade hip hop galega sendo seleccionado entre os 25 mellores temas do ano 2019 por Hip Hop em galego. No 2020 publicaron a finais de xaneiro o seu primeiro videoclip, do tema “Flows da Nada”, un traballo ‘moi currado’ que tivo unha gran acollida de crítica e público.
Mais chegou o coronavirus que lles obrigou a frear esa traxectoria de directos sobre o escenario. Aínda así, aproveitaron estes meses para escribir máis letras, planificar o futuro e non perder o contacto, aínda que fose virtual. Falamos con Iago Suárez, Iagueiro, que nos conta ‘como grupo’ máis cousas da súa traxectoria, filosofía e inquedanzas.
Catro amigos con ganas de expresar e de facelo dende o Hip Hop. Por que escolledes este xénero musical?
É o xénero musical en que máis cómodos nos sentimos e o que máis escoitamos no noso día a día. Ademais, é un xénero que, pola súa propia natureza, convida á reflexión e ao pensamento cando se escoita e, ás artistas, permítenos expresarnos con total liberdade. Digamos que é o xénero do que máis nos representa.
“somos galeguistas, combativos e orgullosos de selo”
Que temas son os protagonistas á hora de gravar as letras das cancións?
Os nosos temas, en esencia, expresan protesta e crítica político-social, se ben é certo que non nos fechamos en banda en ningún momento no relativo á temática; podemos ser bastante versátiles nese sentido. Con todo, nas nosas letras sempre transparece, dalgún xeito, o noso ideario político que nunca censuraremos; somos galeguistas, combativos e orgullosos de selo.
Tiam GZ xermolou no 2018 e o 2019 foi un moi bo ano para vós. Cóntanos por que.
Comezamos nisto con moita ilusión mais con pouca experiencia, o 2018 serviunos para aprendermos, mellorarmos e coller rodaxe. O 2019 supuxo unha mudanza a mellor brutal: comezamos a dar os primeiros concertos, melloramos moito en canto á gravación dos temas e conseguimos ampliar os nosos horizontes entre outras cousas. O máis reconfortante foi ver os froitos que deu todo o traballo que investimos neste proxecto; ver que hai xente que goza coa música que facemos é o que nos impulsa a seguir esmerándonos e a mellorar.
Especialmente orgullosos do tema “Entropía”, non si?
Sen dúbida! Foi unha canción que nos axudou moito a medrar. É un tema pegadizo que ten moi boa acollida nos directos. Ademais, como dato curioso, é un tema que Mr. Mati, a persoa que pon a melodía no grupo, tiña composto desde antes de formarmos o grupo.
“ver que hai xente que goza coa música que facemos é o que nos impulsa a seguir esmerándonos e a mellorar”
A interrupción obrigada pola Covid-19, provocou letargo ou acción creativa no grupo?
Estes dous meses de confinamento alteraron os nosos plans para este 2020 mais non nos faltou creatividade nese tempo. Aproveitamos para escribir máis letras, planificar o futuro e manternos en contacto, aínda que fose virtual. Na fase 1 voltamos montar o micro e tentamos recuperar o maior tempo posíbel; de todos os xeitos cada un de nós levouno dunha maneira diferente. Estamos a vivir un momento histórico e non todos levamos igual o de estar confinados nin temos a mesma inspiración despois de tantos días tan monótonos.
Por que está a funcionar tan ben o voso 1º videoclip, “Flows da Nada”?
“Flows da Nada” foi o tema ao que máis horas lle dedicamos de todos os que temos, ademais, o feito de filmarmos o noso primeiro videoclip para o propio tema fixo que aumentase moito o interese por parte do noso público, especialmente na época en que vivimos onde o audiovisual adquire máis importancia do que nunca. Para alén diso, “Flows da Nada” foi o tema con que nos estreamos na plataforma musical Spotify, actualmente a máis importante no mundo. Se a todo isto lle xuntamos a mellora en termos de gravación e produción así como a experiencia e a aprendizaxe acumuladas, temos como resultado unha canción que foi moi ben acollida e estamos moi agradecidos e contentos diso.
Que posibilidades de poder facer concertos lle vedes ao que resta de ano?
A verdade é que non moitas, é unha pena porque cremos que onde verdadeiramente podemos dar o mellor de nós é nos directos pero a día de hoxe é difícil facer plans a curto-medio prazo. Con todo, iso non nos impide continuar facendo música e ensaiando para que, cando sexa posíbel, poidamos ofrecer o noso mellor show nas tarimas.
“cremos que o panorama artístico-musical en Chantada goza de máis saúde que nunca”
Para rematar, como vedes o tema artístico-musical en Chantada actualmente? Houbo tempos mellores?
Na verdade, cremos que o panorama artístico-musical en Chantada goza de máis saúde que nunca. Segue presente a vella escola cos míticos Rastreros ou Liviao de Marrao, así como grupos máis novos como Fábrica de Espejos, Color Carne, Gancho Sanches ou nós propios. As novas tecnoloxías e as redes sociais fan que sexa máis accesíbel comezar a gravar música e chegar a un público máis amplo algo que axuda a que existan máis artistas. Para nós é, desde logo, un auténtico pracer formar parte do panorama musical da comarca de Chantada e achegar o noso pequeno aporte á cultura da zona.