HomeEn profundidadeDinamizando o rural dende Casares, en Ribas de Sil

Dinamizando o rural dende Casares, en Ribas de Sil

Roberto e Laura son dous rapaces que teñen como segunda residencia Casares, unha aldea do Concello de Ribas de Sil. Ademais das ferramentas que empregan para coidar do lugar, empregan outras virtuais para dinamizar a contorna, trátase dun blog e dunha páxina de Facebook. As súas crónicas e iniciativas teñen moito éxito na internet porque fan posible que os que están máis lonxe poidan estar ao día e non perdan o contacto con este recuncho do sur de Lugo.

Publicado o

- Advertisement -

Casares é unha aldea do Concello de Ribas de Sil, a carón do río Bibei e lindando xa co Concello de Trives. Como outras tantas do interior de Galicia fóronse despoboando cos anos por mor da emigración, sendo Barcelona un dos destinos de moitos veciños. Este foi o caso da nai de Roberto Zuheros, un rapaz que nos conta o apego emocional que ten con Casares, lugar onde era inmensamente feliz cando viña cos seus pais -el andaluz, pero encantado- pasar as vacacións de verán.

Hai 23 anos, Roberto Zuheros coñeceu a Laura, a súa parella, en Barcelona. Estaba destinada por traballo en Badalona pero a súa intención era volver a Galicia tendo solicitado como destino Coruña, o seu lugar de orixe. As ganas de vivir en Galicia de Roberto e esta circunstancia fixeron doada a decisión de virse para aquí. O caso é que o destino de Laura foi Viveiro e para alí foi tamén Roberto, lugar onde viven actualmente.

A Laura encantoulle Casares dende o primeiro momento e as visitas á casa dos pais de Roberto foron indo a máis. Co tempo decidiron mercar algo propio e unha veciña vendeulles unha casiña que foron reformando estes anos ata convertela na súa segunda residencia. “Para nós foi fundamental ter unha propiedade, o noso vínculo con Casares fíxose máis forte”, confesan.

A morriña de Roberto fixo que hai nove anos decidise crear un blog para contar as súas estancias en Casares deixando constancia escrita e gráfica delas e da interacción co resto “casareños/as emigrados/as”. A bitácora foi indo a máis ata converterse nunha publicación na que el e Laura informan das súas iniciativas -traballos comunitarios, petición de servizos, socialización cos veciños/as, etc-  e de todo canto acontece no lugar, servindo así de conexión coa aldea para os que están fóra. Falamos con eles.

“Para nós foi fundamental ter unha propiedade, o noso vínculo con Casares fíxose máis forte”

Laura e Roberto, autores do Blog “Casareños na emigración”. Foto: R&L

Como e cando nace o blog ‘Casareños en la emigración‘?

O blog nace no ano 2011, pero ao principio fomos pouco activos, con pouquiñas entradas ao ano. Pero pouco a pouco animámonos a facer máis referencias a Casares e a súa contorna e fomos activando o blog para ter informada á xente de Casares que por circunstancias non están ou non veñen con regularidade: por iso o nome do blog “Casareños en la Emigración”. O feito de facelo en castelán é para chegar a moita xente que aínda que leva moito tempo vindo (fillos de casareños) non saben o idioma e pensamos que era unha forma de achegarnos a eles aínda que sempre temos o dilema do idioma xa que de forma natural tiña posiblemente que estar en galego. Dalgún xeito tratamos de que a lingua galega teña cada día máis peso no blog, ou iso intentamos.

“non só queremos que Casares sexa para o verán”

Unha bitácora virtual que naceu para ‘aliviar a morriña’ e facer crónicas dos veráns en Casares?

Si, sen dubida esa é unha das súas funcións. Pero co paso do tempo non só queremos que Casares sexa para o verán, gustaríanos que a xente, en particular os que viven en Galicia, viñeran máis a Casares. Ese é un dos nosos obxectivos.

Reflexo das casas no río Bibei. Foto: Laura e Rober

Dános a impresión de que estas crónicas costumistas e nostálxicas están evolucionando cara unha reivindicación da vida no rural. É así ou estamos trabucados? 

Totalmente acertado. Ao fío do que che dicía antes, co paso do tempo fómonos dando conta de que o único que podemos facer por aldeas como Casares é reivindicar o rural, a volta á vida das aldeas, que non é volver a pasalo como nas épocas dos nosos maiores. Agora pódese vivir nunha aldea con todas as comodidades e se non se pode por falta de servizos pois temos que reivindicalos. A xente do rural ten os mesmos dereitos que os demais.

Os casareños emigrados/as estarán contentísimos con estas crónicas. Contádenos.

É verdade, moita xente cóntanos o conectados que están con Casares grazas a nós e como o noso blog é un fío de conexión co seu pobo ou co pobo da súa infancia. Ultimamente os parabéns tamén nos veñen da xente das aldeas da contorna porque tamén nos interesamos por elas xa que compartimos historias e problemas semellantes. 

Entradas ou post que contan as vosas estancias en Casares e que poñen, como dicides, ao día aos que están lonxe.

Si, e cada vez colaboran máis con nós: aportan fotos, historias, gravamos vídeos entre todos… A xente, aínda que está lonxe, grazas ás nosas crónicas e iniciativas están ao día e queren colaborar para que isto non se perda. Hai que dicir que as persoas que máis nos axudan e nos animan son mulleres, participan moito máis para achegarnos fotos e contarnos os seus recordos en Casares. 

Hai uns meses creastes unha páxina en Facebook, “Casares está vivo“. Un complemento ao blog?

Pensamos que as redes sociais son unha ferramenta que temos que utilizar e unha páxina de facebook, como ti dis, é sen dubida un complemento perfecto ao noso blog. Dános a posibilidade de compartir noticias da contorna con moito máis dinamismo aínda que o noso traballo principal céntrase no blog.

“…algunha autoridade chegounos a dicir que é un pobo abandonado”

Por que “Casares está vivo”? Que futuro lle espera, ao igual ca outras aldeas da contorna?

O feito de chamalo así é unha realidade para nós porque pensamos que está vivo. E aínda que non ten moitos habitantes e algunha autoridade chegounos a dicir que é un pobo abandonado, o feito é que a día de hoxe alí vive xente todo o ano e fai del un lugar vivo. Non sabemos como será o futuro, pero agora mesmo “Casares está vivo”.

Casas de Casares. Foto: Rober e Laura

Sinceramente, credes factible que o rural recupere veciños/as e non só como segunda residencia ou como lugar de vacacións ‘low cost’?.

Nós pensamos que o rural pode recuperar veciños, somos optimistas. Non che digo que viva moitísima xente alí pero non son malos sitios para un proxecto de vida. Hai que facer que as institucións e a xente se implique para que se podan recuperar as aldeas. Se vemos a situación que pasamos temos que pensar na posibilidade de reequilibrar o territorio, pequenas comunidades sería o máis saudable e ecolóxico que podemos facer. No rural pódese vivir de moitas maneiras: pode haber unha base agrícola pero tamén outro tipo de negocios ou emprendementos relacionados co arte, a cultura e as tecnoloxías. O rural ten futuro, hai que crer nel e traballar por recuperalo.

“Nestes tempos non é unha toleada vivir no rural”

Desbrozando camiños en Casares. Foto: Rober e Laura

Nestes tempos non é unha toleada vivir no rural. Sobre a segunda parte da pregunta, sempre haberá xente de segunda residencia, que tamén deben reivindicar ás institucións melloras para o pobo, e xente que vén por vacacións low cost. Pero a diferenza é que estas persoas teñen un vínculo sentimental coa aldea e o xeito de vela non é o mesmo que o turista foráneo aínda que a xente que veu a Casares e non era de aquí, levaron unha moi boa impresión. Temos un paraíso e moitos non o queren ver.

Ermida de Casares. Foto: Laura e Rober

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...