Xabier González, granxeiro de día, rockeiro de noite

Coñecemos a ‘dobre vida’ deste rockeiro de Rubián, no Concello de Bóveda. Encargado dunha granxa de coellos e guitarra na coñecida banda de rock Doc Magoo's.

Xabier González / XdL

Xabier cóntanos que viviu ata os 13 anos en Barcelona, concretamente en L’Hospitalet, lugar onde estaba cos seus pais. Foi no 1982 cando decidiron retornar a Rubián, lugar orixinario deles. Nese ano empezaron cunha granxa de coellos e dende hai 12 anos, Xabier fíxose cargo do negocio.

Dende pequeno empezou a traballar na granxa e tamén dende pequeno, igual por ver ao seu irmán tocar a gaita -músico do mítico grupo Xarín do Incio- foi collendo interese pola música, no seu caso polo rock. E así empezou a darlle á guitarra eléctrica de forma autodidacta.

O primeiro grupo no que tocou foi os “Claxon Blues” de Bóveda, cara o ano 1995. Tocaban pola contorna e chegaron a ser teloneiros dos Yellow Pixoliñas e de Ska-P nunhas festas de Quiroga. E foi aproximadamente no 2003 cando naceu a banda Doc Magoo’s, grupo no que está Xabier actualmente, encargándose tamén de levar a axenda de bolos. Fundaron a banda Mani, Xabier, Franki, Thierry, Tito e José Cabo, e segundo nos conta o noso interlocutor “o nome puido vir do bar da mítica serie de ‘Urxencias’ na que saía George Clooney” .

Claxon Blues. Foto: Xabier Glez
Primeiro concerto de Doc Magoo’s no ‘Coto. Foto: Xabier Glez.

Fan rock dos setenta e a filosofía do grupo é xuntarse, tocar, pasalo ben e compartir “moitos churrascos”. Manteñen a disciplina de ensaiar unha vez por semana e nestes anos fixéronse un oco no seu estilo e pola súa calidade, onde máis tocan é pola contorna, collendo bolos que se adaptan ás súas posibilidades pois “cada un ten o seu traballo”, di Xabier. 

Que te levou a apostar pola cunicultura e dende cando te dedicas?

Meu pai, Suso, montou unha granxa de coellos no 1982. Dende ese ano xa axudaba e ao final collín eu as rendas do negocio. Foi cando se xubilou, haberá uns doce anos.

Cantas granxas tes e quen son os teus principais clientes?

Teño 5 naves con mil reprodutoras e a poboación de coellos pode chegar a uns 14.000. No que se refire a clientes teño un, a Cooperativa Cogal, a máis grande de España que se encarga de matalos e comercializalos.

Granxa de coellos. Foto: Xabier Glez

Vendes os coellos vivos, logo?

Si, sempre vivos. Criamos a partir da inseminación artificial, cebamos e vendemos. Os coellos que se venden pesan uns 2,5 quilos.

“Se vas ao Bierzo, por exemplo, nas cartas dos restaurantes atopas coello como opción, aquí é máis difícil”

A carne de coello ten boa sona pero non é das máis populares. Como ves ti o mercado neste momento?

A carne de coello é das máis sanas que hai, moi baixa en graxa e ademais económica. O que pasa é que en Galicia temos moita tradición da carne de vacún e de porco e custa atopala nos menús… e tamén é típico que a xente teña coellos nas aldeas. Se vas ao Bierzo, por exemplo, nas cartas dos restaurantes atopas coello como opción, aquí é máis difícil. En canto ao mercado o que che dirán outros granxeiros, cada un no seu, ao produtor páganlle pouco e ao cliente final non lle chega a prezo baixo, o intermediario é o que gaña.

“Os coellos precisan moita desinfección, a do coronavirus é unha broma ao lado desta…”

Que hai de certo que os coellos son animais moi delicados no coidado?

É verdade que é moi delicado. Necesita moitos coidados en granxa e médicos. Hai que poñerlle vacinas, as básicas a viricahemorráxica e a da mixomatose; e tamén hai que preocuparse de crearlle un ambiente bo, que estean en sitios con luz, illados do frío e do calor… a uns 18-20 graos e poñerlles música rock (risas). Isto último non é necesario pero eu póñolla. Os coellos precisan moita desinfección, a do coronavirus é unha broma ao lado desta… As enfermidades que teñen os coellos son moi contaxiosas, péganse moi rápido e hai que estar sempre alerta para chamar ao veterinario e cortar a tempo. E outra cousa que a xente fai mal, o coello non se pode coller polas orellas, podes mancalo e mancarte. Ao coello hai que collelo polo lombo como collen os cans ás crías.

Tamén se di que o abono dos coellos é dos mellores. Ten boa saída comercial?

Si, é dos mellores. Co de cabra e o de ovella creo que son dos mellores. A verdade é que lle dou saída. Teño que moverme pero hai clientes, ten moita saída para viñas e tamén para particulares.

Xabier González / XdL

En que novo proxecto andas metido relacionado cos abonos?

Dende hai un ano estou producindo “Humus de lombriz californiana”.

E a miñoca galega non vale?

Si, tamén vale, pero a ‘californiana’, chámanlle así pero non é de California, é máis produtiva. Devora moito máis. As lombrices comen abono e despois cágano, esa cagada é a que fai aumentar os nutrintes que xa ten de seu o propio abono. Ademais, é un esterco que non cheira e ten moita saída para plantacións novas de viñas e de castiñeiros. Ten moito futuro.

Sabemos tamén da túa paixón polo rock, afección á que lle dedicas o tempo que che deixa isto. Cóntanos.

A granxa ocúpame moito tempo, estou eu só con todo e déixame o xusto para ensaios e bolos de fin de semana. Pero para min é unha desconexión, vaime ben “rockear un pouco”.

Como vos vai aos Doc Magoo’s?

Ben. Aguantando porque xa son anos pero sempre en liña ascendente, aínda que agora escollemos máis. Antes moviamonos máis a nivel de Galicia, tivemos épocas de ir a Coruña, a Vigo… e estivemos en festivais importantes. Agora dependemos máis do traballo e imos onde nos compensa algo máis.

“o día 27 deste mes de xuño estaremos en Sarria, na celebración do San Xoán”

Concerto dos Doc Magoo’s / Foto Xabier

Supoñemos que tiñades bolos e moitos canceláronse. Cóntanos.

Pois si, na contorna cada vez chámannos máis e claro, cancelouse practicamente todo. Pero aproveito para dicirvos que o día 27 deste mes de xuño estaremos en Sarria, na celebración do San Xoán. Faremos dous pases, un ás 21:00 e outro ás 24:00 h.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here