HomeEn profundidadeLucía Varela, exemplo de dedicación para “non deixar morrer as palabras”

Lucía Varela, exemplo de dedicación para “non deixar morrer as palabras”

Esta rapaza vive en Toldaos, Pantón, e está traballando nun proxecto de recuperación de léxico. Recolle palabras que aínda se lle poden escoitar aos maiores, pero cada vez menos, e que están en perigo de extinción.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A lingua de Rosalía está loitando continuamente pola súa supervivencia e atopar xente nova que a fale con normalidade e transmita a súa paixón por ela non é doado. Aínda así, o galego vai atopando valedores e valedoras que o agariman e que lle dedican tempo para que dure ‘mil primaveras máis’. Este é o caso de Lucía Varela, unha rapaza nova pero coas ideas moi claras no que se refire ao noso idioma.

Varela recoñece que, sen ter estudado ningunha filoloxía sempre sentiu interese polas linguas e amor incondicional polo galego. Tanto é así que para ela “dicir que é amante do galego é quedar curto”.

De momento estase centrando nas palabras do Concello de Pantón, para non abranguer máis do que pode, e creou un formulario a través de Google para que a xente lle poida mandar as súas palabras co seu respectivo significado.

Falamos con Lucía do seu amor polo galego e desta interesante iniciativa.

Dámos por feito que es amante do galego, non si? Estudas ou estudaches filoloxía galega?

Non estudei filoloxía galega pero sempre me interesaron as linguas, especialmente a miña lingua nai. Por iso estudei Tradución e Interpretación, para moverme entre linguas. Contrariamente ao que se poida pensar ou o que lle puidese pasar a outras persoas que estudasen o mesmo, no meu caso estudar esta carreira inda me axudou máis a afianzar o meu galeguismo. Dicir que son amante do galego é quedar curto. Penso que as linguas gardan moitos saberes e o feito de que esteamos esquecendo palabras dos nosos devanceiros non é máis ca unha mostra de todo o que estamos a perder. Moitas veces lemos novas sobre certos temas pensando que acaba de descubrirse algo que non se sabía, cando o máis probable é que os nosos devanceiros xa tivesen constancia de moitos deses coñecementos e palabras para referirse a eles. O que pasa é que deixamos morrer ese saber á vez que deixamos morrer as palabras.

“Sempre me gustou conversar cos meus avós e aprender todo o que podo deles, pois penso que no rural é onde mellor se conserva toda a riqueza do galego”

Que te levou a recuperar palabras en perigo de extinción en Pantón?

Sempre apoiei calquera iniciativa ou proxecto que axudase a conservar o galego ou a achegalo a quen non o fala. E tamén sempre me gustou conversar cos meus avós e aprender todo o que podo deles, pois penso que no rural é onde mellor se conserva toda a riqueza do galego. Levo tempo querendo facer un proxecto coma este pero tardei en saber exactamente como enfocalo. Decidín centrarme no meu concello para non abarcar máis do que dou feito de momento. Oxalá xurdan proxectos similares noutros concellos, sería xenial. Xa hai tempo que vin que algunha xente nova, e non tan nova, non entende algunhas palabras que uso e dáme moita mágoa. É necesario e importante estar en contacto con outras linguas e culturas, pois isto axuda a que todas as culturas sigan vivas. Pero se o que facemos é perdernos entre un mar de homoxeneidade, seremos pobres na alma e non quedará nada do que os nosos devanceiros nos quixeron ensinar.

“Xa hai tempo que vin que algunha xente nova, e non tan nova, non entende algunhas palabras que uso e dáme moita mágoa”

Cando empezaches con esta misión de ‘arqueoloxía léxica’?

Pois desde fai meses xa andaba anotando as palabras que lle escoito a meus avós ou aos veciños máis maiores e que non lle escoito a ninguén da miña idade. Cando comezou a pandemia, veume unha clarividencia pre-apocalíptica e díxenme: “veña Lucía tes que facer realidade o que andas maquinando e ensinarllo ao mundo para que falen cos seus maiores e colaboren”. Isto de recoller saberes xa vén de atrás. Xa cando era pequena anotaba en papel calquera información sobre as colleitas ou as labores do campo que lle escoitase a meus avós ou meus pais. Facíalle mil preguntas a meus avós para cando fose maior saber facer o mesmo ca eles.

A día de hoxe cantas palabras recolliches por ti mesma e con axuda de voluntarios/as?

Pola miña conta penso que recollín unhas 80 palabras, case todas sacadas da memoria dos meus avós ou da miña propia, pois moitas eu fago uso delas no meu día a día. Ademais, algúns amigos fóronme mandando palabras que teñen escoitado toda vida nas súas casas e parroquias pantonesas. Diría que o 30% das que teño veñen de amigos meus que me van axudando.

O formulario que creaches estarache axudando moito. Cóntanos.

Decidinme a crear un formulario en maio, xa que xusto despois da corentena aínda non se podía socializar moito e pensei que isto lle sería máis accesible á xente para facerme chegar palabras. De momento, a través do formulario conseguín unha ducia de palabras nada máis. Por iso fago un chamamento para que a xente se anime a enviarme máis palabras que vexan que se están perdendo ou que se poderían perder. Co tempo, se superamos a situación actual, gustaríame falar coa xente maior da contorna cara a cara para recoller máis palabras e os seus significados.

“A maioría son palabras que non saen nos dicionarios, ou saen mais non co significado co que eu as recollín”

Contrastas a existencia en dicionarios das palabras que vas recollendo? Revisas ou axeitas o significado das mesmas?

Pois algunhas son palabras que aínda se escoitan a miúdo e que saen nos dicionarios pero, que ao meu parecer, son susceptibles de que se vaian perdendo. Entón recólloas tamén. Pero a maioría son palabras que non saen nos dicionarios, ou saen mais non co significado co que eu as recollín. Por exemplo, a palabra “beixo” aparece no dicionario da RAG co significado de “bico”. Na miña casa e en moitas outras, chámaselle “beixo” ao primeiro anaco do bolo ou da barra do pan. O feito de que moitas outras non as atope en ningún dicionario fai que ás veces non saiba con que grafía escribilas. Por exemplo, o “lobazo”, que é unha infección que lle dá as vacas nos coxotes de atrás, non aparece en ningún lado e por intuición escríboo con “b”. Por certo, “coxote” tamén é unha palabra que xa se escoita pouco.

Algunha intención a medio ou longo prazo co fondo léxico que ‘atesoures’?

Como aínda me quedan moitas palabras por recoller, non teño nada concreto pensado. É posible que cando teña bastantes máis faga un glosario e o poña en liña e o vaia actualizando cando descubra máis palabras ou que algún día o publique en papel, cando sexa vella e teña moitísimas recollidas (risas). A tecnoloxía fará estas palabras máis accesibles pero é importante conservalas tamén en papel, que nunca se sabe. Aínda teño que darlle máis voltas ao tema.

Por poñer algúns exemplos. Fálanos das 3 que máis che gusten ou que teñan algunha historia detrás curiosa.

Pois teño moitas recollidas que me encantan ou que me fan moita graza cada vez que as escoito. Se teño que elixir, escollo “trisqueta”, “mangalúa” e “firvellefabas”. As dúas primeiras escoiteillas á miña avoa e ao meu avó, respectivamente, e a última ensinouma a miña sogra. “Trisqueta” é unha das mil maneiras de referirse ao sexo con disimulo e retranca, sendo un rapaciño probablemente non te deas conta do que están falando os adultos cando a usan pero ben que te dás conta de que se rin e de que algo esconden detrás desa palabra. Miña avoa sempre a usa ríndose e, por esa risa, xa souben o que significaba antes de que mo explicara. “Mangalúa” escoiteilla dicir a meu avó referíndose á xente nova á que lle gusta a mangalúa, é dicir, andar de festa e parar pouco na casa. Por último, “firvellefabas” ou “fervellefabas”, segundo a quen llo escoites, describe a unha persoa que ten pouca paradura, inquieta e que sempre anda xurdindo algo. 

“Trisqueta” é unha das mil maneiras de referirse ao sexo con disimulo e retranca

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...